Teatro do Noroeste estrea no Jofre en decembro unha nova montaxe

Teatro do Noroeste estrea no Jofre en decembro unha nova montaxe
Imaxe do cartel da peza teatral que se estrea noJofre en decembro | t.n.

 A compañía Teatro do Noroeste dá un xiro á súa liña de traballo coa estrea absoluta do espectáculo “As damas de Ferrol”. A peza poderase ver os días 1 e 2 de de-cembro, ás 20.30h, no Teatro Jofre da cidade naval.


Trátase dun texto en clave feminista, que está dirixido por Clara Gayo e que conta con Mónica Camaño e Casilda Alfaro como protagonistas, con música orixinal firmada por Chefa Alonso, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e dramaturxia de Eduardo Alonso.


A veterana compañía presenta así unha proposta coa que revisita un dos textos máis senlleiros do seu repertorio, que xa montara hai máis de 20 anos, entón baixo a dirección do propio Eduardo Alonso, autor do texto, abrindo agora unha nova senda estética e escénica. Entón foron as actrices ferrolás Luma Gómez –creadora da compañía– e Elina Luaces quen deron vida ás dúas irmás protagonistas, nunha interpretaicón moi lembrada.


“As damas de Ferrol” é unha comedia circular onde se debaten a realidade e a fantasía. Dúas irmás, xa maiores, repasan sobre as táboas a súa vida e amosan unha realidade cruel e implacable, aínda que quizais todo sexa froito da súa imaxinación. Absurdos e disputas danse a man nunca peza cunha marcada crítica social, na que unha morte e a cidade de Ferrol son parte da historia.


As entradas para ver “As damas de Ferrol” están xa dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro.


Máis que unha comedia


A posta en escena “As damas de Ferrol” é unha comedia “onde a realidade e a fantasía debátense por ter a mesma carta de natureza”, comentan desde a compañía. A liña argumental avanza e retrocede e os personaxes principais, Lourdes e Maruxa, son dúas supostas irmás que falan sobre elas mesmas, sobre a súa situación actual e sobre os acontecementos que as levaron a ela. Pechadas na súa vella casa, debullan a súa realidade. Entre elas érguese constantemente a evocación dun home, Manolo, que disque lles condicionou a vida e elas condicionaron a del até levalo a unha suposta e terrible morte. A historia sitúase en Ferrol, unha cidade esfollada, fermento de frustracións, pero tamén xermolo de novas vidas: renacendo sempre das súas desgrazas co seu humor retranqueiro de mil batallas, todas perdidas, como explican os promotores da obra.


Cómpre subliñar que o jazz será o protagonista do espazo sonoro que acompaña ao espectáculo.


Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada por Luma Gómez e Eduardo Alonso en 1987. Na súa dilatada traxectoria leva producido e distribuído unha gran cantidade de espectáculos. Entre estas pezas atópanse textos clásicos, como “Rei Lear”, “Macbeth” ou “Noite de Reis”, de William Shakespeare, ou “As vodas de Fígaro”, de Caron de Beaumarchais; textos máis contemporáneos; de autores galegos, e ata un musical, entre outros.


Tamén teñen feito montaxes de textos infantís. As súas producións “Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas)” e “Último cowboy” alzáronse co Premio Max ao mellor espectáculo en galego nos anos 2008 e 2011. 

Teatro do Noroeste estrea no Jofre en decembro unha nova montaxe

Te puede interesar