Sofía Oriana Infante, compostitora de bandas sonoras: “Na película xurdiu unha idea interesante para xogar coa electrónica”

Este mesmo venres estréase en cines como o Duplex o filme “Antes de nós”, arredor da vida de Castelao, e cuxa música asina a artista ferrolá
Sofía Oriana Infante, compostitora de bandas sonoras: “Na película xurdiu unha idea interesante para xogar coa electrónica”
A encargada da banda sonora de “Antes de nós”, no seu estudo de música na rúa Real | JORGE MEIS

O filme sobre Castelao “Antes de nós”, dirixido por Ángeles Huerta e con guión de Pepe Coira, estréase este mesmo venres en salas galegas coma o Duplex, que ofrece varios pases ao longo da fin de semana, o domingo coa presenza da cineasta. A produtora contactou coa ferrolá Sofía Oriana Infante para elaborar a banda sonora, despois do excelente resultado en “Elisa e Marcela”.


“Síntome moi afortunada xa non por compoñer para películas, senón porque sexan desta temática”, destaca a música, apuntando outros títulos como “Justicia artificial”, que trata sobre a IA, o mesmo asunto que escolleu para a tese do seu doutorado. Neste caso, a satisfacción vén polo feito de sonorizar unha obra dun “personaxe identitario galego” como é Castelao. “Para min é un orgullo poder traballar nestes proxectos que non son meramente comerciais, nos que podo volcarme emocionalmente e intelectualmente”.


Segundo sinala Sofía Oriana Infante, o proceso de composición dunha banda sonora cambia en función do cineasta, e neste particular “a directora, Ángeles, e mais eu, tiñamos as cousas bastante claras e entendímonos ben”. Despois dunhas primeiras probas previas, non demoraron en comezar a traballar directamente con cortes de escenas, aínda que todo permanece aberto durante o procedemento polos múltiples cambios.


A execución levouse a cabo entre Suso Iglesias, no acordeón, e Lorenzo, no clarinete, amais dos recursos de electrónica que achegou a propia compositora. Parte da inspiración veu a partir de temas tradicionais tanto de Galicia como da Bretaña, “buscando xogar cos conceptos que se tratan na película e levalos á música”, relata, co obxectivo de “traballar moito as emocións de cada momento, de cada personaxe, como vai evoluíndo ao longo do argumento...”.


Perfil

Sofía Oriana introduciuse no mundo da música de pequena, cando entrou no CMUS Xan Viaño, onde actualmente imparte as clases teóricas. A continuación, marchou a Oviedo a rematar o grao superior de Composición, unha disciplina coa que continuou en Londres, especializándose cun máster para cine.


“Cando estudamos composición, formámonos en todas as ramas musicais: aprendemos tanto a compoñer estilo barroco como saber utilizar os recursos do século XX e XXI”. Así pois, dentro da concepción estilística de Sofía Oriana Infante está o aproveitamento de todos os medios dispoñibles “e a electrónica e un máis”, sinala. Na expansión de posibilidades que achega esta especialidade reside o seu encanto para a compositora, que o explica cun exemplo.

 

“Na película xurdiu unha idea moi interesante para xogar coa electrónica”, que ten relación cun tema que se trata, a gripe española. “O meu acordeón ten unha lengüeta rota e fai un ruído coma se fose dunha respiración enferma”, un son que decidiu gravar e, mediante o seu procesado, pódese provocar no espectador a sensación precisa para ese instante da película que o somerxa na historia. 

Sofía Oriana Infante, compostitora de bandas sonoras: “Na película xurdiu unha idea interesante para xogar coa electrónica”

Te puede interesar