lunes 18.11.2019

SGHN, catro décadas coñecendo, divulgando e protexendo o medio natural

As circunstancias, tantas veces caprichosas, quixeron que hoxe o delegado da Sociedade Galega de Historia Natural –SGHN– en Ferrol sexa Xan Rodríguez Silvar, a mesma persoa que en 1979, canda outros entusiastas compañeiros, fundara a delegación nun baixo da rúa Méndez Núñez.
Silvar, delegado da SGHN en Ferrol, no Museo da Natureza| d. alexandre
Silvar, delegado da SGHN en Ferrol, no Museo da Natureza| d. alexandre

Hoxe é unha entidade consolidada, socialmente valorada e fondamente comprometida coa conservación e protección da contorna natural do país e da comarca. Mais detrás deste recoñecemento houbo un traballo inconmensurable para sensibilizar á cidadanía da necesidade de respectar e coidar os valores naturais que fan desta bisbarra un espazo de gran valor patrimonial e natural.

A delegación ferrolá da Sociedade Galega de Historia Natural –SGHN– cumpre este ano catro décadas de vida. Foi en xaneiro de 1979 cando un grupo de persoas, que con anterioridade se implicaran na fundación da entidade en Compostela, organizaron un acto en Canido para valorar a posibilidade de crear unha delegación na cidade. Axiña se convertiría na póla da SGHN máis activa e con máis persoas socias, condición que mantén na actualidade.

As orixes

Porén, as orixes da SGHN son anteriores, como explica o seu delegado en Ferrol, Xan Rodríguez Silvar. “Eu empecei Bioloxía en 1972. Eramos un grupo de estudantes que no segundo curso de carreira nos entrara o verme de facer algo”. Daquela, lembra, a facultade “era moi precaria, a actividade naturalista de estudos científicos era nula ou moi cativa e auto-organizámonos en célula de coñecemento, igual que outros se dedicaron ao eido político, sindical ou estudantil”.

Desa decisión xurdiron as primeras saídas ao monte, unha dinámica de “formación entre iguais, de aprendermos uns dos outros” e, de aí, o chimpo a constituír unha asociación cuxo primeiro nome foi Grupo Ornitolóxico Galego –GOG–, “así, en galego, dous anos antes de morrer Franco, unha declaración non sei se de principios ou de inconsciencia”, di Silvar.

Cos medios que había naquela altura, superaron en pouco máis dun ano os 200 asociados: “Había moita precariedade, pero tamén moitas ganas”, sinala o delegado. A entrada de persoas con intereses alén da ornitoloxía levou ao grupo a transformar o GOG en Sociedade Galega de Historia Natural, “xa dedicado ao conxunto das ciencias naturais”, indica.

No curso 77/78, aquel grupo pioneiro rematou a carreira e algúns deles deixaron Compostela para volver á casa ou mudarse a outras vilas. “Como xa tiña experiencia organizativa e vinte e cinco anos, pensamos en darlle impulso en Ferrol", apunta, aínda que Silvar recoñece que inicialmente a idea era dar a coñecer a Sociedade, mais a grande afluencia de xente levou a facer unha delegación”, a primeira da SGHN en toda Galicia.

Desde entón até a actualidade, a SGHN ten desenvolvido un papel decisivo nas tres accións que guían a súa andaina: coñecer, divulgar e protexer. Se cadra o exemplo máis rechamante sexa o Museo da Natureza, pero a súa influencia vai máis aló.

“Neste tempo coido que houbo logros en cada unha desas liñas de traballo; na investigación, facer o Atlas de Vertebrados de Galicia publicado a comezos dos 90 que aínda hoxe seguen a utilizar todas as consultoras que fan estudos en Galicia e mesmo na Universidade. Un traballo que contou coa participación dunhas 300 persoas”.

Na parte reivindicativa, apunta Silvar, “conseguimos interromper a caza de baleas na nosa costa, fomos pioneiros e mesmo Greenpeace empregou datos de campo nosos para as súas campañas internacionais”. Ademais, e como resultado do traballo de censar aves, “no momento da creación da Rede Natura 2000 foron declaradas zonas protexidas moitas das que agora gozan desa condición, mesmo como zonas Rámsar de protección internacional”.

E o futuro? Hoxe, apunta Silvar, hai cousas que non mudaron todo o que deberan. “No que respecta á Administración”, apunta, “non falaría de carencias, senón directamente de indiferencia. O orzamento especificamente dedicado á conservación son 11.000 euros, e non é un erro”. E, no que atinxe á sociedade, di, “hai moitísimo que mellorar. Hai 45 anos pensabamos que se a sociedade non se movía, as administracións non o ían facer. Por desgraza, hoxe segue a ser así”.

Comentarios