San Sadurniño acolle este setembro a sétima edición do ciclo Chanfaina Lab

San Sadurniño acolle este setembro a sétima edición do ciclo Chanfaina Lab
Unha das gravacións do Chanfaina Lab da edición de 2019, a última que se celebrou ata o de agora | AEC-Daniel alexandre

Tras dous anos de parón, volve a San Sadurniño o encontro Chanfaina Lab, que nos últimos tempos converteu a este municipio en referente da creación audiovisual galega sen máis ingrediente que o de reunir a un grupo de realizadores durante uns días no concello. O evento desenvolverase os días 1, 2, 3 e 4 de setembro, “xuntando nunha mesma contorna colaborativa a cineastas locais e a nomes de fóra do lugar co obxectivo de que compartan a experiencia de gravar nunha fin de semana unha peza audiovisual de temática libre pero que represente dalgún xeito a paisaxe física ou humana de San Sadurniño”, subliñan desde o executivo local.
 

O VII Chanfaina Lab recupera case integramente a programación que estaba prevista para 2020, “á que se lle fixeron pequenos axustes mantendo invariable a súa esencia e conservando tamén o cartel anunciador, deseñado por Carlos García”, tal e como informan dende o goberno municipal.
 

A cita comezará, como ocorreu nas últimas edicións, cunha parte formativa e gratuita para quen queira aprender conceptos teóricos e prácticos básicos relacionados coa gravación e edición dun produto audiovisual.
 

Así, o xoves 1 de setembro entre as 09:00 e as 15:00 horas, o realizador Fran X. Rodríguez, fundador de IDO Visual, ofrecerá un obradoiro intensivo de montaxe, denominado “Corte a corte”, que se adentrará na comprensión da linguaxe audiovisual e no “a,b,c” de narrar con imaxes. Máis que dar teoría, Rodríguez favorecerá a asimilación de conceptos con exemplos prácticos que han ser de grande utilidade para aquelas persoas sen coñecementos previos que despois, durante o sábado e o domingo, vaian gravar algunha peza.
 

Ao día seguinte, o venres 2 e tamén entre as 09:00 e as 15:00 horas, será o turno para un obradoiro baixo o título “Isto non se arranxa na posprodución”, centrado nunha correcta gravación do son directo. “E é que, a diferenza do que se cre xeralmente, a calidade sonora dun audiovisual ten a mesma importancia, incluso máis, que unha correcta captación da imaxe”, subliñan desde o Concello. Ademais, tal e como indica o título do obradoiro, un sonido mal rexistrado é difícil amañalo despois na posprodución con resultados satisfactorios. Por este motivo, a organización do Chanfaina convidou ao experto en son David Machado, do estudio La Panificadora, quen acumula xa oito premios Mestre Mateo e un Goya polo seu traballo en producións varias. Para estes dous obradoiros, que se impartirán na Casa da Cultura,  hai dispoñibles 15 prazas. As inscricións deben facerse no 616 016 793 ou en carmen.suarez@sansadurnino.gal.
 

A mesma canle de contacto deben empregar as persoas que  desexen sumarse ao Chanfaina Lab coa produción dalgunha curta durante a fin de semana, ou para botarlle unha man aos distintos equipos participantes na edición deste ano, procedentes tanto de dentro como de fóra do concello, axudándolles a construír unha historia breve con total liberdade e co único requisito de reflectir San Sadurniño dalgún modo.
 

No listado de creadoras e creadores previsto, aínda aberto, hai máis dunha vintena de nomes da zona e, na súa maioría por ter participado en edicións anteriores, aos que se lles unirán outros chegados doutros puntos como  Alberto Gracia, Ariadna Silva, Celia Parra, Claudia Pineda, Dani Viqueira, Domingo Díaz, Iria Silvosa, Raquel Álvarez, Rubén Coca, Sofía Naseiro, Toño Chouza ou o veterán e pioneiro do cine galego moderno, Xavier Villaverde.
 

Así, ao longo da tarde do venres 2 de setembro irán chegando aos poucos a San Sadurniño e, cara ás 18:00 horas, farase na Aula CeMIT a presentación inicial. Unha vez remate, baixarase até A Cortiña para facer a xa tradicional plantación da árbore conmemorativa desta edición, informan desde o Concello. Tamén se inaugurará oficialmente a exposición “20 anos de O bosque animado”, que permanecerá aberta na galería do Concello entre o 29 de agosto e o 30 de setembro. Agárdase que ao acto tamén acuda o fundador da produtora Dygra e co-director do filme, Manolo Gómez.

San Sadurniño acolle este setembro a sétima edición do ciclo Chanfaina Lab

Te puede interesar