A historia do Ferrol disidente é tamén a da visibilidade de opcións sexuais alleas á norma binaria imperante e dunha maneira de estar no mundo que ten presenza en cada época, sobrevivindo entre o castigo e a tolerancia. A cooperativa Rexenerando e a historiadora Daniela Ferrández, autora do libro “A defunción dos sexos: disidentes sexuais na Galiza contemporánea”, editado por Xerais, uníronse para trazar un percorrido pola cidade a través do cal dar a coñecer a historia destas disidencias. Son, apuntan desde a organización, “vidas que demostran que a sociedade foi e é máis diversa do que nos transmiten os relatos oficiais, devolvendo unha imaxe máis completa e xusta de Ferrol e do pasado”.
Desde o Cantón de Molíns ata o Ateneo, o traxecto apunta oito paradas que se corresponden cun século de memoria. Cóntase coa colaboración de Avante LGBT+, do Ateneo e tamén de persoas que axudarán co seu testemuño a construír este relato.
A iniciativa, financiada pola Deputación da Coruña, esgotou as prazas en canto se empezou a publicitar en redes sociais pero as organizadoras animan ás persoas interesadas a que se inscriban a través do correo info@rexenerando.com para poder organizar novas convocatorias.
No roteiro abordaranse cuestións como a represión das disidencias no espazo público, os contextos de permisividade no primeiro terzo do século XX, as tácticas de resistencia no franquismo ou a organización e construción de comunidade a partir dos anos 70.
Para a reconstrucción empregáronse fontes históricas como a prensa e os arquivos e tamén testemuños persoais a través de cartas, declaracións en xuízos ou entrevistas a persoas que aínda viven.
O obxectivo é o de ofrecer referentes de loita e de vida ás persoas LGBT+ e tamén ampliar a calidade democrática de toda a sociedade, incluíndo os relatos silenciados. “Só poderemos gozar dunha democracia plena cando o noso concepto de cidadanía inclúa a todas”, afirman.