Rober Bodegas: “O humor é unha sensibilidade e, como tal, non creo que haxa nada obxectivamente ofensivo”

Rober Bodegas: “O humor é unha sensibilidade e, como tal, non creo que haxa nada obxectivamente ofensivo”
Este é o terceiro Nadal no que Bodegas comparte escenario con Javier Veiga e David Amor | Leo López

Rober Bodegas protagoniza, canda Javier Veiga e David Amor, “Esfínter, un espectáculo para pechar o ano”. Será maña mércores ás 20.30 horas. Aínda queda algunha entrada dispoñible.

 

Como xorde este espectáculo que xa leva tres Nadais seguidos? 
Javi e David xa tiñan antes outro show que facían no Nadal que chamaban “A mariscada dos idiotas”, cun cartel que ía variando: eu teño estado algunha vez, igual que Oswaldo ou Touriñán... Iso, por distintos motivos, mutou coa idea de mantelo, creando un equipo fixo. Decidimos ser nós os tres e puxemos un título polo que me vacilan moito porque a min non me gustou nada a pesar de que son o que fai o humor máis groseiro dos tres, pero cando mirei a venda de entradas tiven que aceptar a miña derrota con satisfacción porque foi un éxito. O número de datas foi ampliándose e este ano chegamos, por exemplo, a Ferrol. Para min, aproveitar a volta a casa para poder actuar en galego e con amigos é perfecto.

Gran parte do éxito pode deberse ao diferentes que son os tres? 
Creo que si e, de feito, penso que os espectadores non son fans acérrimos de ningún dos tres. É como que cada un suma un pouco. Tamén considero que o Nadal favorece querer facer cousas distintas e ten tamén ese punto nostálxico, pois somos tres humoristas que levamos moitos anos xa actuando en diferentes espazos e medios e iso, dalgunha maneira, lévate a formar parte da memoria da xente.

 

Cre que despois da pandemia hai máis ganas de gozar dos momentos de lecer? 
Cando se foron levantando as restricións –e iso vivino con Pantomima– pensamos que era importante saír aínda que fose con máscara e con aforos pequenos, por ir reconectando co público e coa vida anterior. Agora iso xa está superado e está a haber un consumo moi alto de comedia e de espectáculos en xeral. Como na época dos nosos pais, está outra vez de moda ir o sábado ao teatro a ver un espectáculo de variedades, un musical, un monólogo, maxia... Subiu moito porque tamén aumentou a exposición dos artistas grazas ás redes sociais; antes, non estar na televisión levaba a que a xente se esquecese de ti, pero agora tes os artistas que segues nas redes... Estamos máis presentes na vida da xente, ofrecendo un contido accesible que te acompaña en calquera momento do día e cando ese humorista que ves vén á túa cidade ou vila, queres ir velo.  

 

Vostede que ten tras de si unha longa traxectoria fóra de Galicia, cre que hai un humor galego? 
Esta é unha pregunta clásica para os expatriados e a verdade é que non creo que haxa un humor galego como xénero. Se ves o que fai Javier, o que fai David ou o que fago eu, ou outros como Touriñán e Perdomo, todos somos moi distintos. Si creo que hai un carácter galego no que hai puntos de conexión que fan que certas cousas nos fagan máis graza. Por exemplo, aos galegos cústanos menos rir da morte que noutros sitios. A través do carácter galego conectas máis con determinados aspectos cómicos, á marxe da retranca, que é moi nosa. Pero non diría xénero como podemos falar de música pop ou o reggaeton, que teñen uns parámetros ou patróns comúns. No caso do humor non che sabería dicir cales son, cales compartimos entre nós os cómicos galegos, aínda que, repito, no noso carácter hai cousas que nos fan máis grazas que a outros, e ao revés.

 

Onde están os límites do humor? 
O humor é unha sensibilidade, e as sensibilidades son moi persoais e, polo tanto, non creo que haxa algo obxectivamente ofensivo, sempre que falemos de algo ben construído que non debemos confundir con faltas de respecto. Eu podo rir cun chiste sobre unha enfermidade porque un familiar cercano a tivo e a min sérveme de liberación, pero a outra persoa que a puido sufrir ese riso pode xerarlle máis dor. Son límites persoais que é moi difícil trazar para todo o mundo. O que ofende é a intención. l

Rober Bodegas: “O humor é unha sensibilidade e, como tal, non creo que haxa nada obxectivamente ofensivo”

Te puede interesar