A revista Cátedra rende homenaxe a Alexandre Caínzos no seu trixésimo número

A publicación cumpre trinta anos promovendo e divulgando a investigación no Eume
A revista Cátedra rende homenaxe a Alexandre Caínzos no seu trixésimo número
Unha imaxe da presentación que tivo lugar este venres I Cedida

Cátedra, a revista eumesa de estudos, pecha as súas tres primeiras décadas de historia cun novo volume, o trixésimo, que, mantendo o espírito co que naceu, recolle diversos traballos de investigación sobre Pontedeume e toda a súa área de influencia. A publicación presentouse o venres coa presenza, ademais do alcalde, Bernardo Fernández, e da concelleira de Cultura, Alejandra Bellón, entre outras personalidades, da súa alma máter, o bibliotecario –xubilado este ano– Alexandre Caínzos, motor desta e doutras iniciativas culturais da vila.


“Estes trinta anos”, explicaba onte a concelleira de Cultura, “fannos botar a vista atrás e iso significa que no seu momento houbo alguén, que foi Alexandre Caínzos, que foi cabeza visible e promotor desta revista, facendo dela unha pioneira en Galicia no referido aos estudos locais. Ese paso que deu Alexandre, non só coa revista, senón con outros moitos proxectos, é un orgullo para todos e todas nós, e creo que chegar ao trixésimo número é unha data para festexar”.


Desde 1994 teñen contribuído a Cátedra decenas de autores, algúns consagrados, outros noveis convertidos no presente en referentes, que coas súas investigacións axudaron a rescatar episodios da historia eumesa. “De feito”, sinala Bellón, “agora recollen o testemuño Carlos Coira e Adrián Legaspi, historiadores novos que naceron tamén en Cátedra. Entran a formar parte do equipo de dirección e deste xeito aseguran o futuro desta publicación”. 

 

 
Alejandra Bellón: “A nosa aposta é firme porque a revista nos dá moito prestixio”

Malia os cambios, a continuidade de Cátedra está plenamente garantida, afirma a edila de Cultura. “O certo é que son moitas as persoas, mesmo de fóra de Galicia, que chaman ao Concello e á Biblioteca para pedirnos artigos publicados nestes trinta anos”, explica Alejandra Bellón antes de lembrar que “temos dixitalizado máis do 60% de todos os contidos e xa estamos no proceso de dixitalizar o que nos queda. Agardamos que este ano estea rematado para que todo o mundo poida ter acceso aos artigos a través de internet”. 

 

O Concello prevé rematar toda a dixitalización da revista este ano


Nesa liña, desde o Concello subliñan que a nova xeración de historiadores que se embarcan “nos permite darlle continuidade a algo tan importante para Pontedeume como é Cátedra, e agardamos que sexan, cando menos, outros trinta anos máis”. 

A revista Cátedra rende homenaxe a Alexandre Caínzos no seu trixésimo número

Te puede interesar