A Rede Cultural da Deputación programa 233 espectáculos entre Ferrol, Eume e Ortegal

Con motivo das Letras Galegas tamén propoñen unha axenda que inclúe concellos desta área territorial
A Rede Cultural da Deputación programa 233 espectáculos entre Ferrol, Eume e Ortegal
A actuación de Cantometrics en Ortigueira é unha das citas que celebran o día do 17 de maio este mes | CEDIDA

A programación da Rede Cultural da Deputación propón un total de 233 espectáculos que se reparten por todos os concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal este ano. Do mesmo xeito, a entidade provincial axenda unha serie eventos con motivo das Letras Galegas, entre os que tamén se atopan algunhas localizacións nesta área territorial.


Os encontros inclúen teatro, monicreques, danza, música, cinema, narración oral e outros contidos, que se poden consultar detalladamente no calendario que aparece neste enlace. Nas citas que teñen lugar nos dez concellos da zona que contan con menos de 5.000 habitantes, a Deputación asume o 75% do orzamento, a porcentaxe máxima, mentres que a mínima é do 30%, que se destina soamente a Ferrol, ao ser o único territorio que supera os 50.001.


Neste municipio ferrolán programáronse sete espectáculos de música, danza, teatro e maxia. En referencia aos territorios menos habitados, a inmensa maioría dispoñen de dez ou máis propostas culturais, a excepción do concello de Cerdido, que conta con oito e As Somozas, con nove.


As localidade nas que se programa unha maior cantidade de espectáculos son as de Ares, que ao ter entre 5.001 e 10.000 habitantes subvenciónase o 60%, e Fene, que se atopa no tramo de 10.001 a 20.000, polo que o financiamento é do 50%.


Do presuposto total do que dispón a Rede Cultural, 1.521.024 euros, ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal destínanse 317.327,82 euros. Os  territorios con maior inversión son o Padroado da Cultura de Narón, con 25.628,80 euros, seguido do Concello de Valdoviño, con 24.510,90.


Letras Galegas

Entre as propostas para celebrar o 17 de maio está a proxección do documental “Lévame a idea” no centro social Artábria, o venres 16, e o espectáculo “Efémeras”, do grupo musical Cantometrics, en Ortigueira. Ademais, posteriormente destaca a actuación das pandereteiras da veterana AC Xacarandaina, en xullo, en San Sadurniño. 

A Rede Cultural da Deputación programa 233 espectáculos entre Ferrol, Eume e Ortegal

Te puede interesar