Rafael L. Loureiro: "Galicia estará incompleta mentres non se editen toda a obra de Sarmiento"

O investigador cedeirés presenta hoxe libro no museo da SGHN
Rafael L. Loureiro: "Galicia estará incompleta mentres non se editen toda a obra de Sarmiento"
López Loureiro, nunha imaxe cedida

“Martín Sarmiento, o primeiro naturalista” (Edicións Embora), do investigador e profesor Rafael López Loureiro, preséntase esta tarde –19.00 horas– no Museo da Sociedade Galega de Historia Natural. Neste ensaio, froito dunha pescuda que tomou forma durante a pandemia, o escritor cedeirés aborda un dos aspectos descoñecidos até o de agora sobre un dos intelectuais máis sobresaíntes do XVIII: a súa condición de introdutor do amorodo en España. 


A orixe deste estudo está nos textos que López Loureiro foi publicando no seu blog sobre o léxico. “No traballo cos dicionarios é inevitable atoparse con voces antigas da natureza, e moitas delas están firmadas por Martín Sarmiento. Como podía ter tanta voz de ciencia natural? Ese foi o punto de partida” co que o impulsor do Samaín cedeirés se foi achegando á obra de Sarmiento, que cualifica de “oceánica”.


Unha desas voces foi “fresas”. “Vina varias veces”, lembra, “e cando tiven acceso a case todo o que hai publicado en papel e internet puiden dedicarme a estudar o tema dos amorodos. Foi así como descubrín en textos aínda inéditos de Sarmiento como encontrou por vez primeira as fresas en Pontevedra. El sorpréndese con semellante froita”, engade López Loureiro. “Coñecía o careixón de monte, pero non ese fresón, e decidiu levalo a Madrid, onde se sorprendeu aínda máis ao ver que non era coñecido na Corte. Ninguén o coñecía. A partir de aí fun recompilando na obra de Sarmiento todas as referencias que ía dando sobre as fresas, colocándoas en orde cronolóxica”.


Esa busca levou a López Lou-reiro a establecer unha conclusión: “que foi Sarmiento quen por vontade propia quixo que en España chegase a cultivarse a fresa como xa se estaba a cultivar o tomate”. E foi así como o investigador de Cedeira descubriu que esta “teima” durou varios anos. “Empeñouse”, lembra o autor, “en que desde Pontevedra lle seguisen enviando chantóns de fresas a Madrid para conseguir que tanto no Botánico de Madrid –con José Quer á cabeza–como no Jardín de Aranjuez –a través de Boutelou– se plantasen aqueles amorodos e recriar logo na Meseta. Quen indubidablemente introduce a fresa en España e na Corte de Madrid é Sarmiento”, sentencia López Loureiro. 


As conclusións da investigación concordan coa documentación que se conserva nos arquivos do Botánico madrileño. “Grazas a Esther Guillén puiden acceder aos manuscritos e rexistros e non hai ningunha outra persoa que non sexa Sarmiento que faga aportacións de fresas e chantóns”, di. Ademais, subliña López Loureiro, foi o propio Boutelou quen acodiu á cela de Sarmiento para darlle persoalmente as grazas polo envío da froita”. 


A Galicia chegou o amorodo por Pontevedra. Daquela, recalca López Loureiro, “tiña un intercambio comercial extraordinario coa zona do Canal da Mancha. O máis razonable, aínda que non hai proba concluínte, é que chegara vía eses contactos comerciais porque si sabemos, e está demostrado na obra príncipe de George Darrow, que a zona onde se consegue crear a fresa moderna é na Bretaña”. A Pontevedra chegou, engade o investigador, como unha curiosidade, algo de afeccionados, sen intención comercial... Até a visión do bieito.

 

Legado

Trala súa morte, ninguén recoñeceu nunca, láiase López Loureiro, o papel primordial de Sarmiento, en parte tamén porque “era un personaxe que el mesmo, segundo ía pasando, ía borrando as pegadas que deixaba”. 


O caso do amorodo é un, mais non o único relacionado coa botánica e o naturalismo. O flamingo ou a carqueixa, que arredor de 1760 consegue, lembra Loureiro, “que se poña de moda como remedio para a gota”, son dous máis. E seguramente tampouco rematará aí o seu legado. “Levo anos estudando a súa obra e vou seguir porque hai moitos aspectos interesantes”, adianta.


O escritor incide en que Sarmiento tiña un prestixio que o convertía “non sei se nun sedutor, pero si nunha especie de influencer, nun consultor” ao que recorrían moitos dignatarios. Por iso, e pola inabarcable obra que publicou en eidos ben diferentes, López Loureiro non dubida en dicir que “Galicia estará incompleta mentres non se editen todas as obras de Sarmiento”. 

Rafael L. Loureiro: "Galicia estará incompleta mentres non se editen toda a obra de Sarmiento"

Te puede interesar