As Pontes programa máis de trinta propostas culturais de balde e de pequeno formato

As Pontes programa máis de trinta propostas culturais de balde e de pequeno formato
Uxía Lambona e a Banda Molona pasará por As Pontes

O verán preséntase animado na vila pontesa grazas ao programa “As Pontes Estival” organizado polo Concello e que dará comezo o 18 de xullo. Máis de trinta propostas culturais dan forma a unha iniciativa na que terán cabida a música, o cine, a maxia ou o teatro, entre outras disciplinas artísticas.

Todas serán de balde e de pequeno formato, adaptadas á situación actual marcada pola pandemia da Covid-19, cumprindo así as normas que regulan as actividades culturais ao aire libre, en materia de seguridade e hixiene, na nova normalidade.

As actividades desenvolveranse no patio do colexio Santa María, un emprazamento que, segundo salientou o concelleiro de Cultura, Vicente Roca, “permítenos dispoñer dun espazo acotado que facilita o control da entrada e saída do público, o mantemento da distancia interpersoal e evitar as aglomeracións para, deste xeito, garantir as condicións sanitarias do público asistente e das compañías artísticas e das persoas que profesionalmente se dedican á cultura”.

Aforo

Tamén co obxectivo de garantir o control de aforo e a distancia de seguridade entre o público asistente, o número de prazas de cada proposta estará limitado a un máximo de 150 e será preciso reservar previamente, de forma gratuita, as entradas para os espectáculos a través da web www.reservas.gal.

O programa caracterízase pola gran variedade das citas, entre as que se inclúen as actuacións de Uxía Lambona e a Banda Molona; Gallaecia, que presentará o seu traballo “Son Boleros”; ou o Coro Encaixe, premio Martín Códax da Música 2018 ao mellor proxecto de música vocal.

Haberá ademais animación de rúa da man da compañía Fantoches BAJ, que achegarán á vila o seu espectáculo “Os Velocíclopes”, mentres que no eido do teatro contarase coa participación de Martiña Soñadora e Ghazafelhos, coa súa obra “A Cova das Letras”.

Fani Triana e Martín Camiña encargaranse de poñer un toque de maxia ao cartel coa súa proposta “Abraios de rúa”, na que non faltará nas ilusións e o humor. Un concerto da Banda Escola As Pontes e unha performance do alumnado da Escola Municipal de Baile Moderno completarán unha programación no que tamén haberá exposicións.

Exposicións

Unha dela será a de Dinosaurios Live, unha iniciativa interactiva que permanecerá instalada do 18 ao 21 de xullo no pavillón polideportivo municipal e composta por unha vintena de réplicas animatrónicas. Tamén haberá pasarrúas co T-Rex e as crías de Velociraptor e Triceratops.

Outra das mostras que se poderán ver na vila este mes, do 16 ao 24, é a que leva por título “Unha foto e un poema” e que amosa o traballo de creación colectiva do grupo poético Alalá e os fotógrafos e fotógras das Pontes.

Do 18 ao 24 haberá cine ao aire libre en diferentes espazos do pobo. O aforo será limitado e terá que reservarse praza na web www.reservas.gal.

No que atinxe á música de rúa, contarase coas actuacións dos grupos tradicionais da vila e da banda de música tradicional da escola municipal, estando previsto tamén un concerto de música clásica na praza da Igrexa, dedicado ao 250 aniversario do nacemento de Beethoven.

No marco desta ampla e variada programación cultural presentarase ademais o segundo volume dos “Cadernos do Museo Etnográfico Monte Caxado” e do libro “Mala cosecha”, de Natalia Monje, colaboradora do programa “Cuarto Milenio”. l

As Pontes programa máis de trinta propostas culturais de balde e de pequeno formato

Te puede interesar