O Poboado de Nadal do Concello naronés botou a andar na praza da Gándara

O Poboado de Nadal do Concello naronés botou a andar na praza da Gándara
Na imaxe algún dos postos instalados na Praza da Gándara | jorge Meis

A programación deseñada para o Nadal en Narón continuará desenvolvéndose esta semana con novas propostas. Onte mesmo abrían as súas portas os Poboados de Nadal, que poderán visitarse ata o 4 de xaneiro –excepto os días 25 de decembro e 1 de xaneiro- en horario de 17.00 a 20.00 horas. En total instaláronse unha decena de postos, tres para establecementos da Asociación de Comerciantes de Narón e poderase adquirir bisutería, artículos de coiro e macramé, mel, velas aromáticas, adornos de Nadal, roupa ou produtos de alimentación artesá, entre outros.
 

Dun xeito paralelo, a Praza da Gándara acollerá numerosas actividades esta semana a partir das 17.30 horas. A primera, un pintacaras de onte,  quedou suspendida debido ás condicións meteorolóxicas, estando prevista para hoxe a actuación do alumnado da Escola de Zanfona do Padroado (17.30 h.) e visitarán a praza dous personaxes de Disney, Minnie e Mickey Mouse (17.30 a 20 h.). Mañá haberá un concerto da Escola de Pandeireta e Canto do Padroado da Cultura; o xoves actuará a Escola de Bailes Tradicionais do Padroado da Cultura (17.30) e terá lugar un concerto de A Banda do Garaxe (18.30) e o venres actuará Xemelgas (17.30). A programación retomarase o día 26 para continuar ata o 30 de decembro na citada ubicación.
 

Así mesmo, a colaboración entre o Concello e a Asociación de Comerciantes de Narón permitiu poñer un ano máis en marcha o tradicional Navitrén, que o pasado sábado iniciou as rutas matinais e de tarde cara a Xuvia e a zona da Gándara. Ata o día 23 e do 26 ao 30 deste mes continuarán as viaxes, con saídas das inmediacións do Consistorio ás 12.00, 13.00, 16.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas. Os tickets para as viaxes entréganse nos establecementos comerciais da ACN por realizar compras ou poden adquirirse ao prezo dun euro na caseta instalada nas proximidades da Casa da Cultura.
 

A programación inclúe a maiores unha actividade do programa Apego, de socialización de nenas e nenos en galego, que terá lugar mañá ás 19.00 horas. “Contos maimiños”, de Migallas Teatro, é a proposta que se desenvolverá no Centro Cívico Social do Alto, para cuxa asistencia é precisa inscrición previa –a través do correo: a.pita@naron.es–. O mércores 21 haberá outra proposta organizada conxuntamente polo Concello e a Rede de Normalización Lingüística, “Son no berce”, de A Cova das Letras. Neste caso con dous pases, ás 18.00 e ás 18.30 horas serán no Centro Cívico Social do Couto e tamén con inscrición previa no devandito correo.

O Poboado de Nadal do Concello naronés botou a andar na praza da Gándara

Te puede interesar