Pepe Ferreirós conforma, xunto con Moncho García e Nando Casal, o núcleo fundacional dun dos grupos de referencia da música tradicional galega, Milladoiro. Cando este sábado –20.30 horas, entradas á venda en Ataquilla– actúen no teatro Jofre de Ferrol terán cumprido, nada menos, que os 46 anos de traxectoria.
Que vai ver o público ferrolán este sábado?
Milladoiro está moi definido desde hai moitos anos e a xente sabe o que facemos no escenario. Neste caso, facemos un pequeno percorrido como resumo dos 46 anos que levamos neste mundo. E alí estaremos, ademais, cuns ferroláns de pro como son os bailaríns Eva Faraldo e Jesús Quiroga, que xa nos acompañaron noutras actuacións: son de aí e queriamos que estivesen con nós.
Son 46 anos en marcha, facendo música, centos de concertos, levando o folk galego por todo o mundo. Cal é a clave para manterse tanto tempo sen parar?
O segredo nin nós mesmos o sabemos, pero unha das claves pode estar en que cremos no que estamos a facer; o noso traballo non é impostado nin unha moda. Desde o comezo traballamos na música tradicional, cremos firmemente nela e coido que a xente tamén o percibe, e isto é fundamental porque, se non, é difícil manterse. Tratamos de facelo o mellor posible e de ser honestos con nós mesmos. Non hai ningunha outra clave.
É difícil abstraerse das modas de cada momento?
Nunca quixemos subirnos á moda, pero tamén é certo que se barallou nos primeiros momentos. Milladoiro tivo moito éxito, pero en todos estes anos fomos vivindo distintas modas. Daquela, o folk estaba en auxe, mais isto son como ondas, soben e baixan, e nas épocas de baixa houbo momentos en que nos nosos ensaios –porque nos ensaios, ademais de tocar, falamos moito– nos temos plantexado seguir unha tendencia. Nesa discusión que tivemos e que foi moi a fondo sempre prevaleceu o sentido común: estamos neste campo e temos que traballar neste campo, e saber sobrevivir estando no campo en que estamos. Non podemos estar ao albur das modas. Mira: a nosa primeira xira nos Estados Unidos abriunos tamén a mente.
Foi unha xira longa...
Un mes e pico. Estivemos nun circuíto que non era de modas, nin moito menos, pero vimos que había un público moi fiel que segue determinado tipo de xénero musical, diferente aos que publicitan os mass media. Evidentemente, non vas pensar en actuar ante 50.000 persoas e ao mellor tes que conformarte con meter 500 ou 800. Aquilo para nós foi decisivo para entender onde estabamos situados. Evidentemente, en 46 anos tivemos moitos momentos de alza e de baixa e aparecían modas moi diferentes ás que te podías ter subido. Mesmo hoxe, se ves o que pasa na música popular aquí en Galicia, predomina a fusión entre o electrónico e o popular, os picadiscos... Están en auxe e podiamos caer na tentación de meternos, pero Milladoiro está fóra diso desde hai moito tempo porque ten unha ruta marcada, o cal non quere dicir que sexamos inamovibles, dentro do noso e do son que nos caracteriza.
Houbo algún momento en que pensaran en facer un parón?
Non, en absoluto. Tivemos a discusión interna, iso si, nos primeiros momentos, pero quedou superado porque nos reafirmamos no noso obxectivo: estamos facendo este camiño e por aí seguimos. Como todo iso é cíclico, hai momentos en que tes que saber subsistir sen pensar que che van comer o espazo: ti tes o teu, podepode ser máis ou menos grande, pero é o teu.
Como definiría o momento actual da música tradicional? Cre que aquela explosión de finais dos 80 e a década dos 90 é repetible?
Non son adiviño (ri), pero aquilo foi un boom, aparecían gaitas ata debaixo das pedras. Estivo ben, aproveitouse porque a música tradicional estaba nun momento moi fráxil e aí afianzouse. Creo que melloramos en todo este tempo e, botando a vista atrás, vemos que se asentou e agora hai moitas tendencias totalmente diferentes que non sei o que darán de si. Dirao o tempo: se callan ou se son cousas pasaxeiras. Non sei. O que si sei é que agora estamos nun bo momento, pero é un bo momento que miraría cun pouco de cautela porque a xente nova está a recibir un bombardeo por parte dos medios dun tipo de música unidireccional. Contra iso é moi difícil loitar. No folk hai xente que traballa con moito rigor e seriedade pero estamos nun contexto fráxil, porque hoxe hai moitas menos actuacións nas que estes novos talentos poidan amosar a súa calidade. Nunca houbo en Galicia tantos festivais, pero son doutros estilos, en detrimento da nosa música popular, e os organismos oficiais tiñan que mirar un pouco máis pola tradicional. Unha Consellería de Cultura ten que coidar máis ese tipo de música porque para outros estilos hai moitos outros eventos. Está moi ben que os haxa, pero amólame, iso si, que estean soportados por diñeiro público.
Na música folk, a conexión coas persoas é máis intensa?
É algo que sentes como propio, como a lingua. Podes non falala ou estar moi lonxe da terra, pero no fondo estás conectado con ela porque ti vés de aí. A música galega é un feito diferencial que nos identifica como pobo e, evidentemente, hai algo aí que prende e fai vibrar á xente porque sabe que é seu. Hoxe en día hai moita variedade de artistas que tocan eses temas ou traballan en distintos eidos, pero ao final ten algo que te conecta coa terra. O ideario esencial da música é que está enraizada á terra e se a traballas a fondo, e non de maneira ocasional, conectas co cerne mesmo do espírito do país.