A Pedreira actúa de balde en Ferrol: “O que sempre fixen foi utilizar a arte para transformarme a min mesma”

O Jofre acolle este sábado un concerto gratuíto no que se presentará “Basal”, coa colaboración especial de Lidia India, un disco nomeado aos premios da Academia da Música de España e finalista nos MIN ao Mellor Álbum en Galego
A Pedreira actúa de balde en Ferrol: “O que sempre fixen foi utilizar a arte para transformarme a min mesma”
Mauricio Caruso, Lorena Cachito, A Pedreira e Alejandro Vargas, integrantes da banda que interpreta “Basal” | ÓSCAR GÓRRIZ

Os directos nos que A Pedreira dá a coñecer o seu último disco, “Basal”, distínguense por enriquecer este traballo, que brota da intimidade, coa potencia e dinamismo que achegan os tres músicos que a acompañan: Lorena Cachito na batería, percusións e coros, Mauricio Caruso na guitarra eléctrica e Alejandro Vargas no teclado e sintetizadores. Ademais, o concerto que ofrecerán de balde mañá, no teatro Jofre, contará coa colaboración especial da ferrolá Lidia India. A cantautora adoita describir a súa obra como unha fusión das enerxías propias do rock e ao mesmo tempo dunha foliada, que se dilúen no xogo e a improvisación do jazz.


A actuación que veñen agasallar na cidade celebra, por adiantado, o Día das Letras Galegas nun “teatro que quero moito”, segundo manifesta a artista. As persoas interesadas en asistir poden retirar os convites na billeteira do Jofre ou a través desta ligazón á páxina web de Ataquilla.


“Facíame moita ilusión que o Laboratorio de Cántigas Novas de Ortigueira estivera presente dalgunha maneira neste concerto”, relata Ugía Pedreira sobre o curso organizado polo Festival do Mundo Celta, que ela mesma impartiu a un grupo de artistas inquedos, entre os que se atopaba Lidia India, que tamén toca con Mauricio Caruso. Esta convidada interpretará un dos primeiros temas que aprendeu a Pedreira con pandeireta, “Manzanilla”.


Unha vez fíxose realidade a idea deste disco, fallaba a existencia dunha banda, que ademais tocara a obra doutra maneira nos escenarios. “Eu desexaba unha muller que cantase ben e tocase a batería, non sabía se existía pero a desexaba”, expresa Pedreira, lembrando como un amigo seu certificou a súa existencia e, para máis casualidade, vivían a unha hora de distancia.


Encontrei a Cachito e namorei dela, de como toca e de como sente”, resolve. Por outro lado, Caruso xa era un vello coñecido para a cantautora mariñá, co que traballara en moitas ocasións en formato dúo. Un soño que tivo no que saía a nai de Vargas, á que coñeceu na Habana dirixindo “Descarga ao vivo” –proxecto fusión de música cubana e galega–, botou a luz que faltaba para saber que o terceiro músico tiña que ser este teclista.


Traballo

O termo “basal” marca este disco por varias acepcións, como a que define a artista como “esa unidade mínima de enerxía que necesita unha célula para sobrevivir en reposo”. Ao mesmo tempo, este factor metabólico establece unha metáfora co seu ambiente máis íntimo, xa que tamén é “o sistema que traballo coa miña filla con parálise cerebral e digamos que a palabra repetíuseme moito nestes doce anos”. Esta creación “ten moito que ver coa casa familiar”, xa que se fraguou precisamente na volta a este fogar, onde se realizaron as fotografías promocionais e moitas gravacións sonoras, amais de que “miña mai abre o disco e miña nena acábao”.


Foi neste proceso creativo no que verdadeiramente reflexionou sobre a relación que manteñen os seus traballos musicais coa súa vida cotiá, coa etapa que atravese ou “o novo pensamento” que lle xurda: “non hai nada fóra de min”, describe A Pedreira. Neste caso, “Basal” foi impulsado pola saída dun dó, un momento do que concluíu que o máis axeitado sería “o que sempre fixen: utilizar a arte para transformarme a min mesma, para ser unha plataforma de saída e tamén para colocar as pezas mentalmente”. 

A Pedreira actúa de balde en Ferrol: “O que sempre fixen foi utilizar a arte para transformarme a min mesma”

Te puede interesar