O Pazo da Cultura inicia o ano cunha forte aposta familiar

O Pazo da Cultura inicia o ano cunha forte aposta familiar
Pazo da Cultura Danza Gaia compañía Entremáns

O Padroado da Cultura de Narón inaugurou esta fin de semana a súa oferta escénica para 2020 cunha obra da compañía Bucanero Teatro (o sábado, coa comedia “Sesión continua”) e, na tarde de onte, co primeiro dos espectáculos para público familiar que levará adiante ao longo dos vindeiros meses. Trátase de “Gaia”, da compañía Entremáns, unha proposta de danza contemporánea a partir dos tres anos recomendada pola rede nacional de teatros, auditorios, circuítos e festivais do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música. A proposta, dirixida e interpretada por Kirenia C. Martínez e Estefanía Gómez, leva case corenta representacións en ano e medio por teatros de toda España.

As citas especialmente pensadas para público infantil continuarán este mesmo sábado, cun concerto de tribuyo á banda de rock Metallica adaptado a tódaldas idades. “Metalmanía Familiy Sessións” inclúe videoproxeccións, unha condutora do evento ou instrumentos inchables e integra xogos clásicos co mundo dos concertos. Esta proposta de Tertulia Producciones está fóra de abono e as entradas, xa á venda, custan doce euros de forma anticipada e quince o propio día. Os nenos ata os dez anos pagan nove euros.

E o domingo 19 Talía Teatro presenta “Lambetadas”, un espectáculo para nenos a partir de seis anos que ten como eixo o coñecemento e respecto das linguas e, en concreto, a transmisión da cultura galega. Santiago Cortegoso é o director dunha obra interpretada por María Ordóñez e Diego Rey.

Aracaladanza

A cuarta proposta infantil de xaneiro será o venres 31 coa laureada compañía Aracaladanza (Premio Nacional de Teatro). Presentan “Play”, unha “festa sen respiro que contaxia alegría, alenta o sorriso e comparte diversión”, segundo explican na presentación. Enrique Cabrera está detrás da idea e da dirección e, no escenario, bailan Jorge Brea, Raquel de la Plaza, Jonatan de Luis, Elena García e Jimena Trueba.

En febreiro, a compañía Galitoon achega o seu espectáculo de novo circo “The Show Moscón”, un circo ambulante de “varietés” que nace como homenaxe ás distintas escolas de técnicas de manipulación de monicreques. Chisco Casteleiro está detrás desta proposta, que se verá en Narón o 16 de febreiro.

Marzo ábrese o domingo 1 con “Contacreques”, de Eme2, un espectáculo “poético, divertido, áxil e desenfadado” que se basea en contos clásicos como “O reiseñor”, “Garvanciño” ou “O zapateiro e os trasnos” e que está pensado para un público entre os tres e os sete anos.

“Xurásico perdido” é a proposta que fai Títeres Cachirulo o domingo 15 de marzo para nenos a partir dos tres anos.

E tamén os títeres pechan as propostas para público familiar dese mes, co espectáculo “Contos ao pé da cama”, de Viravolta, unha función que se representará o domingo 29 e que está pensada a partir dos dous anos.

En abril, o 19, anúnciase o espectáculo “Os golfiños e o xigante”, de Fanchoches Baj, e xa en maio volve haber unha proposta musical que adapta aos nenos os éxitos de bandas de éxito internacional. Neste caso, Tertulia Producciones propón “Coldplay Kids”. De novo é un espectáculo fóra de abono con prezos entre os nove e os quince euros. l

O Pazo da Cultura inicia o ano cunha forte aposta familiar

Te puede interesar