Paula Rey abriu hai un par de meses no perfil exterior do Mercado central o seu propio establecemento, o herbolario Orgánica, un sector no que traballara con anterioridade, aínda que por conta allea. “Cando pechou busquei a posibilidade de poder emprender eu soa. Pensei neste local porque, a pesar do que di moita xente, me parece un lugar que ten moito potencial e que calquera persoa que visita unha cidade, por exemplo, quere coñecer o espazos como as prazas de abastos”, explica.
Logo de dar “moitas voltas”, recoñece, decidiu dar o paso. “É moi bonito cando constrúes e creas o teu propio proxecto. No herbolario, traballaba para outra persoa, pero darlle a forma, a túa visión e a túa filosofía é aínda moito máis especial”, sinala.
Rey destaca a “acollida tan boa” que tivo entre a comunidade de praceiros. “É un trato moi cercano; recibíronme moi ben e estou moi contenta, tanto por sentirme parte deste colectivo como polo recibimento da xente e da clientela. Os comezos non son doados, pero eu estou moi agradecida”.
En todo proxecto por conta propia hai dificultades. Para Paula Rey, a máis grande foron os prazos. “Solicitei o posto no Concello e tardaron bastante; desde que o pedín ata que me deron as chaves pasaron seis meses. Claro, eu nese tempo xa tiven que empezar a pagar autónomos, tes uns gastos e non facturas...”.
Con todo, a responsable de Orgánica anima a emprender: “Se pos en marcha un negocio que che gusta e no que cres e confías, ver que se pode é moi gratificante. Ten a súa parte negativa, pero tamén che dá liberdade e es dona do teu propio tempo, que é moi importante”, conclúe.