Ortiga, produtor e cantante: “En Ferrol non é fácil tocar porque non hai moita rede de salas, e que me inviten sempre ao Nachiños para min é alucinante”

No primeiro cartel do festival (2021) xa subira ao escenario, o mesmo que volveu pisar no 2024 e ao que regresa nesta edición histórica na que se muda ao porto de Curuxeiras
Ortiga, produtor e cantante: “En Ferrol non é fácil tocar porque non hai moita rede de salas, e que me inviten sempre ao Nachiños para min é alucinante”
O compostelán colle os ritmos latinos típicos das festas patronais galegas e trasládaos ao seu propio terreo musical neste proxecto, que non é o único | CEDIDA

As verbenas galegas e o panorama musical máis alternativo semellaban estar moi lonxe até que irrompeu Chicho co seu proxecto Ortiga, que repite por terceiro ano no Nachiños Fest. O seu concerto resérvase para case o final, o sábado antes de Rapariga DJ, porque dende o festival xa deben saber algo do lle espera ao público.

 

Como xurdiu este proxecto que chamaches Ortiga?
Ao principio tiña outro que era Esteban & Manuel, empezamos a xirar por toda España e chegou un punto que por loxísticas diversas non podiamos seguir mantendo o grupo e pensei: pois vou montar isto só, a ver que pasa.

E por que Ortiga? 
Para empezar, quería despachar o tema do nome pronto e busquei algo que parecera un apelido, e que tamén fora algo galego.

 

O éxito é evidente. Hai algún tema en concreto que lembres como punto de inflexión? 
Cando empecei a facer música con Pili Pampín si que noto que houbo como un plus de xente que se empezou a interesar polo proxecto. E despois, o ano pasado, cando lancei “A nosa verbena” dentro da campaña de Estrella Galicia tamén o vin. Eses si que foron dous momentos no que cambiaron as cousas.

 

Que tal foi esa primeira experiencia con Pili Pampín? 
Coñecímonos na tele e tivemos boa conexión, porque ao final ela é ‘majísima’. Comecei a dicirlle de broma que a ver se empezábamos a facer música xuntos, pensando que me daría largas. E díxome: que va! incrible, chámame cando queiras. Aos cinco días xa estaba no estudio con ela e tivemos sempre unha relación moi fluída, moi sana e moi fácil.

 

A organización do Nachiños Fest xa te chamou o seu “fillo adoptivo”. Que relación tes con Ferrol? 
Sempre me din que son a banda que máis tempo leva e seguramente. Eu contentístimo, aparte Ferrol é un lugar no que tampouco é moi fácil tocar porque non hai moita rede de salas. Entón, para min, que me inviten a tocar no Nachiños todos os anos é alucinante, sempre me tratan xenial. O lugar no que é o festival sempre foi marabilloso, sei que este ano cambian pero eu confío en que vai estar xenial igual. Para min Ferrol é unha zona súper chula, á que lle teño moito cariño e sempre que poida, estou encantado de ir.

 

Tamén eres guitarrista. Continúas con outros proxectos paralelos ou este xa quita todo o tempo? 
Teño outro grupo que é Boyanka Kostova e máis ou menos dedícolle a metade do tempo a cada un. Despois, si que sigo tocando a guitarra e fago algunha cousa con amigos, pero realmente o que fago é producir e cantar.

 

A lancha de Mugardos é o primeiro escenario do festival

O ano pasado, co concerto e pinchada “pre-party” na praza de Armas, a organización do Nachiños Fest xa puxo sobre aviso ao público, sen sabelo, dos grandes cambios que se aveciñaban para esta edición. Hoxe estréase o festival con outra xornada previa especial, desta volta a bordo da lancha de Mugardos, grazas á colaboración da Fundación Isidro Silveira, para continuar despois con dous días de pura festa no porto de Curuxeiras.


Este será o punto de partida da embarcación que percorrerá a ría, pasando por Mugardos e entre castelos, e na tripulación integrarase 9Louro, artista do panorama urbano que ofrecerá máis dunha hora de sesión en directo da súa música.


Xa en terreo firme, mañá inaugurarase o escenario Mahou coa vangardista proposta de Zavala, ás 19.30, que sorprendeu dende o inicio á crítica coa súa proposta contemporánea de raíz galega, cantada precisamente pola ferrolá Carla Romalde. Neste espazo, as actuacións irán intercalándose coas de Bonita y Sabrosa, no escenario Bus, e, de volta no principal, serán protagonistas os proxectos do músico de Aranda de Duero, Barry B, ás 21.00; Malmö, dende Barcelona, ás 22.30; o grupo madrileño Karavana, ás 00.30, e a vilagarciá Señora DJ, a partir da 1.40 horas.


O sábado estruturarase nos mesmos horarios, tamén coa participación de Bonita y Sabrosa. Romperá o xeo o único Concerto Vibra Mahou do festival, a cargo dun dos maiores referentes da escena urbana galega actual, Filloas. A este seguiralle Inazio, que virá dende Logroño a exhibir a súa proposta de indie folk; o trío madrileño, co seu rock alternativo, Sexy Zebras; pasada a media noite, será a quenda da mestura de música  electrónica e “latineo” galego coa que regresa unha edición máis Ortiga, e na despedida, Rapariga DJ ofrecerá a súa variadísima selección que transita dende o soul, pasando pola disco e o EBM. 

Ortiga, produtor e cantante: “En Ferrol non é fácil tocar porque non hai moita rede de salas, e que me inviten sempre ao Nachiños para min é alucinante”

Te puede interesar