Octuvre e Auto Sacramental, protagonistas da festa de Ferror Records na Sala Ruído

A cita comeza o sábado ás 22.30 horas
Octuvre e Auto Sacramental, protagonistas da festa de Ferror Records na Sala Ruído
Auto Sacramental está afincado en Santiago I Cedida

A Sala Ruído –rúa Real, 223– e Ferror Records volven colaborar na organización da festa da discográfica ferrolá que terá lugar este sábado ás 22.30 horas e que contará con dous dos principais expoñentes da “synthwave” –new wave con sintetirzadores– do panorama estatal, Octuvre e Auto Sacramental. Os picadiscos Beta e Caraperro completan o cartel da xornada.


As entradas poden mercarse na entrada da sala o mesmo día do evento por dez euros ou anticipadamente por oito, neste caso a través da plataforma www.entradium.com.


“Presentamos dúas formacións de electrónica pop que son referentes a nivel nacional”, explica Fernando Fernández Rego. Octuvre é un grupo asturiano liderado por Juan Casamayor do que Ferror Records sacou un EP en 2022, “Amor letal”. Antes publicaran, noutros selos, outros dous cos títulos de “Distancias” (2017) e “Viento” (2019). “Fan un pop con cadencia dos anos 80”, explica, “mesmo con algún achegamento a Golpes Bajos. É unha música moi melódica e moi pop”, comenta o crítico musical. 

 

Octuvre
Octuvre


Auto Sacramental, pola súa banda, é o grupo de Jorge Mills, afincado agora en Santiago. “En Ferror Records editaremos en vinilo o seu primeiro LP. Xa fixeron dous avancese conectan con formacións como VVV Trippin´You, unha das formacións de maior éxito a nivel nacional, cun proxecto moi coidado tanto estética como musicalmente”, sinala Fernández Rego.


A xornada completarase coas actuacións dos dj Beta, que tamén colabora con Auto Sacramental, e o local Caraperro. 
 

A relación entre a discográfica ferrolá e a sala de concertos da rúa Real remóntase ao ano 2015, cando tivo lugar a primeira festa, daquela na que aínda se chamaba Sala Super 8. 

Octuvre e Auto Sacramental, protagonistas da festa de Ferror Records na Sala Ruído

Te puede interesar