Narón e Pontedeume centraron onte os actos conmemorativos do nacemento de Rosalía de Castro

Narón e Pontedeume centraron onte os actos conmemorativos do nacemento de  Rosalía de Castro
Diario de Ferrol-2020-02-23-012-6e35478a

A gran figura da literatura galega do século XIX, Rosalía de Castro, foi lembrada onte en Narón e Pontedeume dous días antes de que se cumpra o 183 aniversario do seu nacemento. Outros concellos da bisbarra organizan actos entre hoxe e mañá. 

Narón foi o concello que máis actividades programou para conmemorar a efeméride, non só onte. Xa o venres, a escritora e tradutora María Reimóndez conduciu un faladoiro titulado “De Rosalía de Castro a hoxe: a escrita feminista na literatura galega” e na ludoteca da Solaina os nenos e nenas de 7 a 12 anos crearon un xogo de mesa arredor dela.

Na mañá de onte ata tres actos se organizaron en Narón. O primeiro, un obradoiro de marcapáxinas na biblioteca municipal, onde tamén tivo lugar a tradicional lectura pública de poemas, que abriu a alcaldesa de Narón, Marían Ferreiro, e que estivo aberta á participación da veciñanza en xeral. Ademais, María Reimóndez leu o manifesto que cada ano elabora a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega –AELG–, redactado desta volta por Daniel Asorey. 

Finalmente, no parque da rúa Rosalía de Castro, no barrio da Gándara, plantouse unha filla da figueira procedente da Casa Museo de Rosalía, donada pola fundación que honra a escritora padronesa, nun acto no que participou o seu presidente, Anxo Angueira. “Que esta figueira que vén da casa de Rosalía medre como medra tamén o amor do pobo de Narón pola súa figura”, dixo Angueira antes de que a rexedora celebrase que “desde hoxe temos en Narón un sitio máis onde vir cada 24 de febreiro a enxalzar a figura de Rosalía, manténdoa viva no recordo”. 

Pontedeume 
Tamén Pontedeume organizou actos, neste caso encadrados no Mes da Poesía que principiou onte. Foi no paseo marítimo, onde existe un monolito, cunha ofrenda floral e cun recital a cargo dos poetas Francisco Vila e María José Allegue, acompañado da actuación de Airiños do Eume. 

As homenaxes continúan hoxe. En Ferrol, na praza que leva o seu nome –en San Xoán de Filgueira– terá lugar ás 12.00 horas unha ofrenda floral e un concerto de Xoán Padín. Leranse tamén poemas e repartiranse agasallos conmemorativos. Ademais, os usuarios da biblioteca central que mañá leven prestado un libro recibirán un marcapáxinas con poemas de Rosalía.

En Fene, tamén na praza que leva o seu nome, en Perlío, principiará ás 12.30 horas o acto institucional, coa intervención do alcalde, Juventino Trigo, unha ofrenda floral e a lectura do manifesto da AELG. Ademais, desde o Concello anímase aos locais de hostalaría a repartir como tapa o "caldo de gloria", que en Ortigueira, xa mañá, repartirá o colectivo Entre Fogones na residencia de maiores, e outros catro establecementos ofrecen á clientela na súa carta do día. 

Tamén mañá, pero en Cedeira, o exterior da biblioteca municipal acollerá unha lectura pública de poemas rosalianos a partir das 12.00 horas.

Narón e Pontedeume centraron onte os actos conmemorativos do nacemento de Rosalía de Castro

Te puede interesar