O Día das Letras Galegas deste ano en Ferrol xa se sabe particularmente especial polo logro que foi programar nesta xornada o concerto da veterana agrupación folk Milladoiro, estreitamente vinculada á cidade e á comarca, que ao longo da súa traxectoria convertiuse nun referente histórico da música tradicional. A actuación, que terá lugar no teatro Jofre, enmárcase dentro da ruta coa que continúan a celebrar o seu 45 aniversario, e para a que xa se poden adquirir entradas na páxina web de Ataquilla.
Foi precisamente nunha data próxima ao 17 de maio cando a banda subiu por primeira vez a un escenario, no ano 1979. Aínda que este debut se realizou na Coruña, o grupo foi fundado, entre outros músicos do panorama galego daquel tempo, polo ferrolán Antón Seoane, a partir dun encontro na primeira edición do Festival de Ortigueira.
Tal e como demostran agora con esta celebración extendida ao 2025 polo seu aniversario, a formación actual segue mantendo viva esta música de lenda, 45 anos despois e sen facer pausas, sempre conservando un agarimoso recordo dos fundadores. Os integrantes que están á fronte de Milladoiro neste momento son Xosé V. Ferreirós, Nando Casal, Moncho García, Harry.c, Manú Conde e Manuel Riveiro.
“A Galicia de Maeloc” foi un dos discos máis populares do grupo, que foi publicado soamente un ano despois daquel primeiro concerto, no 1980. A esta obra, coa que o proxecto definiu o seu estilo e mistura tímbrica propios, seguíronlle máis dunha vintena de traballos discográficos, nos que foron dando a luz melodías atemporais que son iconos de toda unha Comunidade.
Neste case cuarto de século de historia, Milladoiro colaborou con artistas de renome internacional como a banda irlandesa The Chieftains, fundada en 1962. Compartindo escenario ambos proxectos, sorprenderon ao público do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
Así mesmo, a agrupación recibiu numerosos recoñecementos, entre os que destacan o Pedrón de Ouro, concecido polo Padroado Rosalía de Castro no 1985; o premio Goya á Mejor Banda Sonora Original pola película de Manuel Gutiérrez Aragón “La Mitad del Cielo”, no 1986; a Medalla de Ouro de Galicia, que recolleu en 2012; a Medalla Castelao da Xunta de Galicia, no 2004; e o premio da Música que outorga a SGAE e a AIE.
“Subir a un escenario é un acto que aposta pola longa vida dun tipo de música e, quizais, tamén dun tipo de vida; é a reafirmación e recoñecemento a unha herdanza que permaneceu fértil grazas a mans sen nome”, manifestan dende a agrupación.
Algúns destes espazos, entre os máis emblemáticos do ámbito internacional nos que Milladoiro tivo a oportunidade de dar a coñecer a música tradicional galega polo mundo, ao longo da súa traxectoria, foron a Cathedral of St. Jonh the Divine de Nova York, o Teatro Nacional Cervantes de Bos Aires, o Teatro Gran Casino de Xenebra, a Casa Internacional da Música de Moscú ou o Ryutsu Center de Tokio. Da mesma maneira, no territorio Estatal tamén visitou escenarios de prestixio como son os exemplos do Palau de la Música Catalana de Barcelona, o Gran Teatro de Córdoba e o Teatro Arriaga de Bilbao.
E por suposto, Milladoiro é un dos nomes que dende os seus inicios como banda forma parte dun sinfín de carteis musicais galegos, desenvolvendo as súas actuacións tanto en grandes teatros como auditorios ou palcos ao aire libre de toda clase. Este último caso foi o do concerto que ofreceu na praza de Armas fai tres anos, con motivo das festas do Concello de Ferrol.