Mario Regueira | “É meritorio que en momentos adversos a literatura galega destaque máis aló das nosas fronteiras”

Mario Regueira | “É meritorio que en momentos adversos a literatura galega destaque máis aló das nosas fronteiras”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-40d57fdf

Desde hai anos Mario Regueira –Ferrol, 1979– compaxina o seu traballo creativo co de crítico literario. Hoxe é, de feito, un dos referentes neste eido. 

Vén de gañar o premio Lueiro Rey de xornalismo e, hai un ano, o Illas Sisargas de poesía erótica. Está no seu mellor momento creativo? 

Gañar premios sempre é unha satisfacción, pero hai que recoñecer que non sempre son un indicativo moi fiábel do nivel creativo dun autor. Pode ser tamén porque moitas veces pensamos na posibilidade de ter grandes momentos de inspiración e esquecemos todas as cousas cotiás nas que a creatividade está inserida. Neste caso concreto, máis que dun estado de graza, estes premios son a consecuencia do meu retorno á actividade da escrita creativa, despois duns anos afastado dela pola enfermidade dun familiar e pola intensidade que requiriu acabar os meus estudos de dou-toramento. Diría máis ben que os textos destes anos son os produtos dun goce recobrado, se cadra encarado dunha forma moito máis lúdica e atrevida que antes e nos que non me sorprendería que se note esa alegría mesturada co alivio que supón o reencontro cunha paixón.

Desde hai anos compatibiliza a creación coa crítica. É doado de levar o de estar nas dúas beiras? 

Doado ou non, sempre defendín que é inevitábel, para os autores, estar nas dúas beiras. Porque non toda a crítica se dedica a escribir, pero non hai dúbida de que toda a xente que escribe se dedica, en certa medida, á crítica. De forma pública ou privada, ou de xeito máis ou menos consciente, pero todos os escritores escollen as súas influencias, len os coetáneos, opinan sobre outras formas de escrita e toman posición nese campo de xogo. É algo inherente ao feito de escribir aínda que por suposto non é imprescindíbel facelo cunha dimensión profesional. De feito, son moitas as figuras autoriais que, ao longo da historia, asinaron tamén traballos de crítica que hoxe case ninguén lembra. No meu caso, si está relacionado coa tentativa de facer da literatura a miña actividade principal. A crítica é unha consecuencia dos meus estudos en teoría literaria e, nese sentido, sempre tratei de exercela cun gran sentido da responsabilidade e da obxectividade. Recoñezo tamén que durante moito tempo foi unha escusa para poder ler e obrigarme a analizar as cousas que lía.

Nas últimas semanas déronse a coñecer os gañadores dos premios estatais nos diferentes xéneros, e hai nomes galegos. Cre que a literatura galega está no seu mellor momento?

A situación da literatura escrita en galego é enormemente desi-gual, xa non coa do castelán, senón mesmo coa das outras linguas do Estado. Non sabería dicir se vivimos un momento moito mellor que outros anteriores, pois tampouco é a primeira vez que autores e autoras son premiadas a nivel estatal e internacional. O que si teño claro é que é moi meritorio que mesmo nos momentos máis adversos, o proxecto común ao que chamamos literatura galega conseguise destacar moitas veces máis aló das nosas fronteiras, influíndo e mesmo abríndolles camiños innovadores ás outras literaturas peninsulares. É meritorio porque é enormemente inesperado e demostra unha vitalidade e unha vontade de permanencia que son o mellor valor que temos. Naturalmente, isto non debe facernos perder a perspectiva de que son logros feitos con moitas cousas en contra, con escaso ou nulo apoio institucional e baseados moitas veces en entusiasmos e complicidades dun pequeno número de persoas.

Sobre o seu propio proceso creativo, non é esaxerado dicir que tocou todos os xéneros. Por que? En cal se sente máis cómodo? 

Sempre dixen que abordo a escrita como un único proceso máis aló da división clásica de xéneros. Non digo que a división non exista, pero si que me gusta entendela como un continuo no que moverse con certa liberdade, tomando prestados elementos para reinterpretalos. Se cadra é algo que pode notarse moito na concepción da miña poesía. Os meus libros están feitos nun marco de ficción que podería ser empregado para facer outro tipo de xéneros, como se o seu resumo puidese servir tamén como resumo dunha novela que nunca foi escrita. É algo que acontece de forma notábel en “Tanxerina”, o meu primeiro poemario, cunha viaxe polo deserto que acaba no café de Rick en Casablanca, e tamén volve pasar con “Marco Livorno”, o meu próximo libro, onde a figura dun italiano fantasmal e os seus amores nun Ferrol proletario son o marco narrativo para o que non deixa de ser un libro de poesía. En menor medida creo que esas mestizaxes aparecen noutros libros, por exemplo, a presenza da música ou de pasaxes oníricas que é habitual nas miñas novelas emparéntanas tamén cun certo discurso poético. É a miña forma de encarar a literatura, e penso que a verdadeira ruptura á hora de escribir fágoa cando me dedico á escrita académica, que ten unha distancia coa de creación maior que a de calquera dos seus xéneros entre si.

Con respecto ás lectoras e lectores en galego, os últimos datos non son moi positivos. Que medidas cre que se deberían tomarse para reverter a situación? 

Temos un problema concreto de desinterese institucional ao que xa aludín antes. Sen perdelo de vista, hai que pensar que tamén estamos nun momento especialmente convulso a nivel global, no que parece unha lenta mudanza de paradigma que afecta de forma moi especial ao libro e á lectura. O peso da tecnoloxía nas nosas vidas é cada vez maior e está mudando a forma na que consumimos contidos e xestionamos as novas narrativas. Habitualmente isto interprétase dunha forma moi catastrofista, configurando un escenario de confrontación total entre os libros en papel dun lado e os móbiles e as computadoras do outro. Penso que iso é unha batalla perdida e que separa aínda máis ao público real da produción clásica de contidos, que ademais non deixa de culpabilizalo por buscar outro tipo de ocio. Entender que hai outras formas de cultura e que a literatura pode e debe seguir tendo un papel relevante no futuro é fundamental para que estas cifras deixen de asustar. Creo que o caso galego, cunha lingua minorizada e un sistema cultural moi envellecido, está acusando dun xeito moito máis intenso esta falta de perspectiva.

Mario Regueira | “É meritorio que en momentos adversos a literatura galega destaque máis aló das nosas fronteiras”

Te puede interesar