domingo 25/10/20

Mario Llorca | “Ferrol ten un potencial incrible, e teno en todos os eidos”

O ferrolán, que leva sete anos traballando como fotógrafo en Italia, declárase namorado da súa cidade natal e foxe do pesimismo. “Daríame mágoa se non tivese posibilidades, pero non, pois creo que é precisamente todo o contrario”, explica.
Mario Llorca
Mario Llorca, nun dos seus recantos favoritos, a praia | JORGE MEIS

Leva a metade da súa vida fóra da cidade na que naceu, entre os estudos e a súa traxectoria profesional, os últimos sete en Siena. O fotoxornalista Mario Llorca –Ferrol, 1981– volve periodicamente a casa, un lugar polo que sente verdadeira fascinación polo “potencial incrible” que ten e que, láiase, non está todo o aproveitado que debera.

Llorca, que fixo estudos no eido do audiovisual, animado pola paixón familiar, case xenética, pola sétima arte, optou finalmente por se mergullar de cheo na fotografía, unha disciplina na que atopou unha liberdade que non lle ofrecían os outros xéneros. “Na televisión ou no cinema entra en xogo moita xente e o produto final moitas veces non é o que un quere facer”, explica. “Eu vía que os fotógrafos eran máis independentes, o seu traballo era máis rápido, máis autónomo e tamén máis sintético. Iso enganchoume”, apunta.

Desde ese momento, Llorca centrouse na arte da imaxe, tanto no subxénero da publicidade e da comunicación institucional e promocional, como, tamén, no social. O ano pasado, unha foto súa tirada nunha manifestación en Perú foi distinguida cunha mención de honra no prestixioso certame Siena International Photo Awards. “Unha fotografía pode explicalo todo, e tamén pode producir o efecto contrario”, di. “Hoxe en día hai moitos medios que non coidan a imaxe, baixa a calidade do produto, faise moita foto co móbil, pero por moita resolución e filtros que leven non significa que poidas facer unha boa foto. Precísase unha boa exposición, unha composición axeitada, unha intención. E iso non o dá a tecnoloxía por si mesma”.

Llorca reside en Siena na actualidade, unha cidade á que recoñece que lle custou adaptarse. “Ten unha idiosincrasia moi particular”, explica, “pois está dividida en barrios desde a Idade Media, e é moi raro que interaccionen. Se non naces aí, é moi difícil entrar e mesmo agora, sete anos despois, non podería dicir que estou plenamente integrado”.

Con todo, o fotógrafo ferrolán puido facerse un oco laboralmente con proxectos como o que está a desenvolver sobre a cultura enogastronómica. “Esta é unha zona moi importante na produción dun tipo de viño, os Chianti, unha denominación de orixe”, relata. Para esta área xeográfica que abrangue sete municipios está elaborando unha guía. “Trátase de promocionar estes concellos e as súas adegas”, apunta sobre un traballo que cualifica como “arduo” por incluír “medio cento de pobos moi fermosos e coa idea de captar un tipo de turismo moi concreto que na súa maior parte procede do norte de Europa”.

Malia o seu traballo na zona —ten feito obras para o equivalente ao Ministerio de Educación ou o goberno rexional, e outras institucións e empresas–, Llorca asegura que vive Siena “con certo distanciamento”, algo que non lle acontece cando volve a Ferrol. “Teño un vínculo fortísimo coa cidade e a comarca e por iso gustaríame traballar máis alí”, subliña. “É que Ferrol”, argumenta, “ten un potencial incrible e cada vez que estou aí o vexo con moita claridade: podería promocionarse todo, o patrimonio arquitectónico e paisaxístico, as praias, a tradición mariñeira e industrial, a cultura ou a natureza. Todo”.

É aquí cando Mario Llorca racha con esa sombra de pesimismo existencial que adoita arrastrar a cidade. “Sufriu moito e coa reconversión semella que quedou nunha especie de limbo, pero eu resístome a velo así porque Ferrol é unha marabilla e ten futuro”. l

Comentarios