Manuel Gago, profesor da USC: “Ferrol ten un discurso potentísimo dentro das cidades galegas”

O doutor en Ciencias da Información, comisario de exposicións como “Galicia no tempo”, da Pobra do Caramiñal, vén este xoves para estrear o programa dos Amigos do Museo de Ferrol
Manuel Gago, profesor da USC: “Ferrol ten un discurso potentísimo dentro das cidades galegas”
O ponente comisariou a mostra “Ferrol no tempo”, coa colaboración de Guillermo Llorca como coordinador local | CEDIDA

“Tecer a memoria. Os museos, ferramenta para construír a comunidade local” é a conferencia que terá lugar este xoves, ás 19.30 horas no Torrente Ballester, e que impartirá Manuel Gago, doutor en Ciencias da Información, profesor na USC e membro do Consello da Cultura Galega. Este foi convidado pola asociación Amigos do Museo Cidade de Ferrol para estrear as súas actividades, que continuarán a vindeira semana.


Enmarcada no inminente proxecto dun museo local de Ferrol, na cita aclararase cal é o papel destes centros na sociedade actual como “institución de memoria, que ten tamén unha finalidade moi importante, que é a capacidade de dotar dunha explicación á xente, dun sentido do lugar no que vive”, define Gago,  unha perspectiva que adoita desencadear nunha maior cohesión.


Por outro lado, tamén permiten trasladar aos visitantes un relato sobre a cidade, dando forma á propia identidade e divulgando cales son os motivos que “fan que os cidadáns se sintan máis veciños e, moitas veces, orgullosos e conscientes do seu pasado”. En todo caso, o obxectivo é “fomentar o debate e abrir ideas” para amosar “a oportunidade que ten Ferrol de construír un proxecto de museo do século XXI”.


Con este fin, Manuel Gago falará das diferentes solucións tomadas a nivel internacional, “desde a rede de museos locais da cidade de Barcelona ata o de Londres, que ten iniciativas moi interesantes arredor de como contar cousas para públicos novos” ou o nacional de Irlanda, que traballa para “integrar colectivos que ata este momento foran invisibilizados ou marxinados”.


Ademais, no encontro referenciarase a mostra que el mesmo comisariou a nivel autonómico, e nesta cidade xunto ao historiador Guillermo Llorca como coordinador local, que o acompañará na conferencia como membro da directiva, do mesmo xeito que Nona Inés Vilariño.

 

Trátase de “Ferrol no tempo” (2022-2023), unha “exposición que foi moi vista” e que revelou, “o potentísimo discurso que tiña Ferrol dentro das cidades de Galicia”, que amais de ser “enormemente singular”, visualmente “funcionaba moi ben”, sinala o ponente, que conclúe que este territorio “ten unha historia que contada resulta fascinante para veciños e para xente foránea”.


Amigos do Museo

“Este tipo de asociacións son moi importantes, porque os museos de historia local teñen que estar moi vinculados á comunidade para a que van traballar”, incluíndo dende a súa concepción á cidadanía e a expertos que se dedican ao eido patrimonial.


Manuel Gago destaca o interese deste caso particular dos Amigos do Museo porque, ao fundarse antes que a propia institución, a diferenza da maioría, constata un desexo que “diría que non é de agora: se miramos a hemeroteca, é unha demanda de moita veciñanza de Ferrol dende hai moitísimo tempo”. 

Manuel Gago, profesor da USC: “Ferrol ten un discurso potentísimo dentro das cidades galegas”

Te puede interesar