Manel Grandal –Fene, 1962– deixa o vindeiro sábado a secretaría comarcal da CIG logo de algo máis de 15 anos. Cinco días despois cumpre os 63 e incorporarase á empresa na que entrou cando tiña dezasete e aínda se chamaba Bazán. Empeza, pois, unha nova vida, ou non tanto. “Nunca me descolguei da empresa, aínda que fose tomar un café cos compañeiros”, di.
Volve a un estaleiro distinto...
Distinto desde o punto laboral e cultural, pois a xente cambia, pero teño esa vantaxe: nunca deixei Navantia nin perdín o contacto. Sei como está o estaleiro e coñezo como respira a xente máis nova. Asústame o medre do individualismo, pero é un reflexo da sociedade e aí aos máis vellos tócanos non dar leccións, pero si crear contradicións porque son as que espertan á xente. O sistema é moi listo e eu dígollelo: no seu momento, nós gañamos non saír coa ferramenta para casa e agora ves como a xente sae con ela, coa súa mochila ou co seu maletín...
É difícil resumir 15 anos, pero que balance fai da súa etapa á fronte do sindicato na comarca?
Accedín á portavocía nunha situación interna de conflito, coa central practicamente dividida ao 50%. Daquela, o primeiro que dixen foi que o meu grande obxectivo era apuntalar o proxecto, e para iso só había un método: escoitar e ter man esquerda. Iso foi o que intentei e creo que a estas alturas está máis que conseguido. A partir de aí existiu un consenso. Iso non é un labor única e exclusivamente meu, senón de todo o colectivo. Todas e todos os que compoñiamos a CIG entón entendimos que o que había que blindar era o proxecto desde o punto de vista das necesidades da clase obreira e do sindicalismo nacionalista. En canto aos resultados, queda un sindicato coa maioría tanto en representación –rematamos o periodo electoral superando os 400 delegados, vinte puntos por riba de UGT e 17 de CCOO– e superando en afiliación as 9.000 persoas, que é un fito.
"As batallas políticas en Ferrol son moi difíciles pola incapacidade de poñerse de acordo, sobre todo cando as ideas veñen da CIG, aínda que logo che dan a razón"
Contrastan os datos coa percepción dunha desafección polo sindicalismo. É real esa imaxe?
Máis que desafección, vemos que está medrando o individualismo, mesmo a meritocracia, e o sistema, neste sentido, é listo: molestamos. E creo que iso en parte vén dado pola actuación dos sindicatos estatais, que priorizan o diálogo social sobre a mobilización e a escoita das necesidades da clase traballadora. Nós cremos que a nosa posición é a que nos dá estes resultados: non esquecimos nunca que a mobilización e a confrontación social son a arma que teñen os traballadores para acadar logros nesta sociedade e nós queremos ser partícipes na transformación social para acadar un mundo máis xusto e solidario. A nosa gran ferramenta é a mobilización, pondo alternativas enriba da mesa que, ademais, foron calando na sociedade. Fomos a punta de lanza na defensa de moitos sectores. Pero o diálogo social é unha ferramenta que vai en contra da mobilización, utilizada de maneira perversa porque nós, obviamente, non estamos en contra da negociación, pero o diálogo social suplanta organismos como o Consello Económico e Social. Por exemplo, non podes defender un sistema de pensións público se, por outra banda, nos convenios colectivos introduces fondos de pensións xestionados por entidades privadas: iso produce contradicións na clase traballadora.
"O diálogo social vai en contra da mobilización: non podes defender un sistema de pensións público se nos convenios introduces fondos de pensións privados"
Fala das diferenzas cos outros dous grandes sindicatos, CCOO e UGT, pero, malia a distancia, non é posible a unidade en datas sinaladas, máis simbólicas, como o 10 de Marzo ou o Primero de Maio? Hai momentos en que as consignas que se corean son as mesmas... Esa división non contribúe a alimentar a desafección?
É difícil. Por exemplo, o 10 de Marzo, para nós, é unha data tan importante que, na práctica, podemos dicir que é o xermolo, a explosión, do sindicalismo nacionalista. UGT non a recoñece. Co Primeiro de Maio, a nosa afiliación tamén nos di ás veces que é imposible ir con quen prima o diálogo social porque a maioría do noso corpo sindical o entende como un “postureo”. Non podes dicir que a reforma laboral do PP está mal e, en cambio, estar pactando: para pactar algo mellor hai que tirar o anterior. Nós fixemos unha folga por unha reforma laboral, a de Zapatero, que tivo o visto e prace de CCOO e UGT. Outra cousa é en determinados sectores ou na comarca. Das cousas que me gusta destacar é que fomos quen de organizar as folgas comarcais en 2013. Fomos capaces, pero tamén hai que dicir que nisto quedamos sós. Fixemos outra o ano pasado nas Pontes porque o que pediamos daquela, a diversificación industrial, está vixente. Falar da recuperación do sector primario, de que tanto a Xunta como o Goberno do Estado nos seguen a tratar como a periferia... Son realidades e temos a obriga de seguir tirando do carro porque as reivindicacións seguen sendo as mesmas.
A comarca vive agora un bo momento, con expectativas de plena ocupación para a vindeira década. Non é a primeira vez que ocorre pero tamén é certo que cando as vacas gordas remataron houbo momentos duros.
Desde o punto de vista sindical e tamén do social e político, é o momento de recuperar certas batallas ou obrigar aos gobernos a que poñan en marcha as condicións para que estas situacións non se volvan repetir. Hai que aproveitar esa situación de “bonanza” para unha verdadeira planificación industrial nesta comarca, para que se aposte por unha auténtica diversificación, que debe vir acompañada da mellora das infraestruturas, principalmente as ferroviarias. Temos que ter unha saída de mercadorías polo norte porque necesitamos saír a Europa.
Se non aproveitamos o momento, pasará o que xa pasou antes: morreremos de éxito. Non podemos deixar pasar o tempo. Mira: Cando damos as cifras de desemprego nas Pontes vemos que baixou, pero, claro, é que a xente nova emigrou.
Aínda coas diferenzas que poida ter con outro sindicalista, un empresario ou un político, hai algún deles co que fora máis doado ou que tivera a predisposición para chegar a acordos?
Eu sempre procurei ter man esquerda e deixar sempre unha porta aberta, pero en Ferrol as batallas políticas son tremendamente difíciles pola incapacidade de poñerse de acordo, sobre todo cando as cousas veñen da CIG, aínda que logo che dan a razón. Non son capaz de entender como por parte tanto do PP como o PSOE se deixou perder, en beneficio doutros, a construción naval civil. E cando se poñían de acordo –e é certo que estiven sentado con moitos deles–, ao final o pactado esfumábase e a CIG quedaba soa. Quero pór un exemplo porque son deses que un leva aí cravados: o negocio de Reparacións. Foi vital nas épocas máis escuras porque mantivo o sector naval cando non había nova construción. Todo o mundo pedía un dique, o flotante, mesmo houbo camisetas e manifestacións en Madrid. E un dicía: ben, isto vai para adiante. Pero a día de hoxe non hai dique e ninguén leva a camiseta. A submisión política dos partidos estatais en Ferrol é terrible. Con todo, eu nunca considerei inimigos ás persoas coas que discrepei, nin poido criticar o talante de ninguén. E, por suposto, reafirmo o meu respecto absoluto aos sindicatos de clase, por moitas diferenzas que tivera.