As cantareiras de Leilía comezarán a despedirse dos escenarios en Ferrol. Este domingo arranca a súa última xira no teatro Jofre (entrada gratuíta), no primeiro dos recitais cos que dirán adeus logo de 34 anos de traxectoria e de abriren un camiño na recuperación da música galega tradicional da que son debedoras boa parte das propostas de fusión da actualidade.
Felisa Segade, Montse Rivera, Merchi Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez interpretarán os temas do seu último disco, “Vidas cantadas”, e tamén outros emblemáticos dos seus seis traballos publicados.
A xira conta co apoio da Xunta de Galicia neste primeiro concerto. “Leilía forma parte do imaxinario colectivo galego como referente na difusión da música tradicional galega e do papel das mulleres na conservación e transmisión deste legado”, apuntan desde o organismo autonómico.
O de Leilía será o último dos recitais dunha semana cargada de propostas, coincidindo coa celebración, hoxe mércores, do Día Internacional da Música. O xoves 24, no Auditorio, actuará a Real Filharmonía de Galicia, que estreará a obra “Schattenhaft”, de Hugo Gómez-Chao, baixo a dirección de Baldur Brönnimann.
Para o venres 25 estaba prevista unha actuación de David Guapo que foi cancelada. No seu lugar, ás oito no Jofre, tocará Tiruleque, cunha escolma dos seus mellores temas nos seus 20 anos de existencia.
En Caranza, o domingo haberá unha nova sesión dos Domingos a Escena, coa ASCM e a obra “Con premeditación e alevosía”.