“Leandro Lamas. Umha mao de pintura”, un libro para recoñecer a “un pintor do pobo”

“Leandro Lamas. Umha mao de pintura”, un libro para recoñecer a “un pintor do pobo”
Leandro Lamas, no seu estudo, en A Mourela (Neda) de onde saen as súas obras cheas de cor e optimismo | e. cortizas

A toda cor, como el pinta. Con cen páxinas que irán debuxando a súa biografía e traxectoria artística, a súa evolución. Que sexa capaz de amosar esa complexidade do propio autor, desde a súa afectividade, emocións, ideoloxía e accións artísticas.


Así será “Leandro Lamas. Unha mao de pintura”, o libro que publicará Através Editora para homenaxear “a un dos ilustradores galegos máis (re)conhecidos e generosos com os movimentos sociais da Galiza”.


Moitos dinlle “pintor do pobo”. E é que leva máis de tres décadas retratando as súas xentes. Faino en cadros, murais, cartaces de citas culturais, portadas de discos, en páxinas de libros que agochan historias ás que ás súas ilustracións dan vida; en complementos, desde bolsas, a camisetas ou mesmo xoiería.


“Hai unha necesidade de moita xente de coñecer a Leandro de forma global e a nosa intención é reunir eses mundos de Leandro, esa Galiza pintada por el na que xa moitos e moitas galegos e galegas vivimos”.


Quen así fala é Séchu Sende, poeta, narrador, activista social e ideólogo da edición que agarda ver axiña a luz logo de superar, en pouco máis dunha semana, a cantidade fixada inicialmente na campaña de micromecenado que encara a recta final na plataforma Verkami.


Admiración colectiva


Este proxecto nace dunha admiración colectiva. “Falando de Leandro Lamas, cuxo traballo ten moita cualidade e é moi aprezado pola cidadanía, démonos conta de que había un vacío no sentido de que a pesar de ser tan popular, tan querido e admirado polo pobo galego, desde un punto de vista oficialista ou institucional, realmente non hai ningún recoñecemento. Démonos conta de que as institucións galegas non valoran a Leandro como moita da xente de, por exemplo, os movementos sociais que traballamos na lingua, no ensino ou no mundo da cultura”.


A idea chegou á editorial Através, selo da Associaçom Galega da Língua (AGAL) desde a que se está a desenvolver coa implicación do propio Sende, Xiao Berlai (como editor), Charo Lopes (autora das fotografías) e Xaquín Marín (encargadoe do prólogo), coa colaboración do propio Leandro Lamas.


Traballo colectivo


“Era preciso que este libro vise a luz porque Leandro Lamas vén sendo un elo máis, un paso máis, na construción dunha Galiza visual”, salienta o creador da idea. Incide así mesmo no feito de que o proxecto sexa froito dun traballo colectivo, “dun movemento popular”, a través das achegas das persoas interesadas, “que sexa realmente o pobo galego o que lle devolve a Leandro a súa obra en forma de libro, porque este libro é tamén unha homenaxe do pobo galego a Leandro”, engade.


Para Séchu, a obra do artista naronés amosa a enerxía e potencia que ten ou creador para sintonizar, mesturarse e formar parte do seu pobo.


“Tal vez sería fantástico que o Centro Galego de Arte Contemporáneo ou calquera outro organismo oficial fixese algunha iniciativa sobre Leandro”, espeta.


Mais como iso non chegou, “porque el non é un pintor do réxime ou do sistema, pois temos que ser nós, a xente que o admiramos, desde a base social, desde o movemento social, os que sentimos que temos que facer este recoñecemento”.


Un recoñecemento de toda esa xente á que o ilustrador naronés transporta, a través dos seus debuxos, “a un mundo fantástico, que fai que Galiza sexa un lugar onde todos nós queremos vivir. Leandro crea coa súa arte unha Galiza fermosa, rebelde e máis libre”, conclúe. 

“Leandro Lamas. Umha mao de pintura”, un libro para recoñecer a “un pintor do pobo”

Te puede interesar