Grande Amore e Caamaño&Ameixeiras actúan en Fene

Os dous proxectos musicais fan uso do galego para a súa arte, un deles ligado aos ritmos tradicionais e outro aos industriais
Grande Amore e Caamaño&Ameixeiras actúan en Fene
Grande Amore presenta a súa música, nun formato electrónico, influenciada por xéneros como o black metal / AIGI BOGA

O penúltimo día do ciclo “Xullo, mes da patria”, que propón a concellería de Cultura de Fene, estará protagonizada por músicos de relevo no panorama galego como son o dúo Caamaño&Ameixeiras e o trío Grande Amore.


A primeira proposta que abrirá a xornada de mañá, a partir das 21.00 horas, será a agrupación Grande Amore, que presentará o seu último traballo, identificado co único subtítulo de “II”, e publicado o ano pasado. Este nome fai referencia ao outro disco do que dispoñen, chamado “I”, e polo que tamén farán un repaso no concerto que darán en Fene.


O gusto de Grande Amore polo rock&roll e a electrónica aprécianse nas súas melodías, que teñen un marcado ritmo rápido cunha gran presenza de graves. Por outro lado, o dúo que irá despois, Caamaño&Ameixeiras, achegan o son de violín e acordeón cromático, ademais do da voz.


“Quitar o aire” é o espectáculo que está a ofrecer Caamaño&Ameixeiras, un novo traballo inspirado na ritoloxía popular galega. As artistas andan na procura de respostas que celebren a vida, nun universo no que realidade, maxia e relixión se unifican. Así pois, as autoras sitúan nun lugar privilexiado á tribo, é dicir, á comunidade, entendida como unha rede para salvarse entre todas. 

Grande Amore e Caamaño&Ameixeiras actúan en Fene

Te puede interesar