Folk en cada recuncho de Ortigueira

Folk en cada recuncho de Ortigueira
Milleiros de persoas gozan estes días en Ortigueira da música e dos obradoiros incluidos na pogramación | emilio cortizas

Polas rúas, nas prazas, na alameda, no piñeiral de Morouzos... O folk soa en cada recuncho de Ortigueira nun festival que chega á recta final da súa edición máis longa para se resarcir dos dous anos de parón por mor da pandemia. Desde a sesión inaugural do domingo, a afluencia de público foi en aumento ao longo da semana de xeito paralelo ao incremento dun programa que hoxe volverá poñer en escena a recoñecidos grupos da música celta.


Polo escenario Estrella Galicia pasarán esta noite a banda bretona Bagad de Vannes Melinerion (21.00 horas), coa súa mestura de pezas tradicionais e composiciós propias e o inconfudible son das bombardas e cornamusas. Ás 22.00 horas será a quenda para Xosé Lois Romero & Aliboria, na que será a primeira aparición conxunta da formación no festival ortegán, para continuar a noite coa actuación do grupo francés Digresk, coa súa particular mestura entre electrónica e rock.


Os escoceses Wolfstone (00.30 horas), un dos grupos máis queridos polo público, e o músico galego Baiuca, que chega por primeira vez ao Mundo Celta para presentar “Embruxo” (02.00 horas) pecharán o cartel deste sábado. Mais a xornada comezará moito antes, xa desde o mediodía, co primeiro dos cinco pasarrúas que se desenvolverán ao longo do día e que, como vén ocurrindo durante a semana, levarán a música por toda a vila.


Música no teatro e na igrexa


Outras dúas citas sumaranse hoxe ao programa en dous espazos diferentes: o Teatro da Beneficencia acollerá ás 17.00 horas a actuación de Óscar Fernández & Manu Fraguela, que tras coñecerse na Escola de Zanfonas do Padroado da Cultura de Narón como profesor e alumna, decidiron unirse para preparar un repertorio para dúo de zanfonas con dous instrumentos xemelgos. Ás 19.00 horas, na Igrexa de Santa Marta, Fred Morrison achegará a súa experiencia e dominio da gaita, incluíndo as míticas “highland pipes” e as “uillean pipes”.


Tamén hoxe continuarán os obradoiros que complementan o programa musical. Eutropio Rodríguez imparte o de Fotografía Documental de Rúa organizado pola asociación Galioart e que se prolongará ata mañá, mentres que o IES de Ortigueira convértese no escenario das actividades centradas en danzas tradicionais. Onte tocou baile asturiano e hoxe será a quenda para o bretón e galego. Intensa programación, pois, para a penúltima sesión do afamado festival ortegán. 

Folk en cada recuncho de Ortigueira

Te puede interesar