De Ferrol a Neda (pasando por Narón)

De Ferrol a Neda 
(pasando por Narón)
Araguas hace el Camino Inglés con sus alumnos

Para Ana Belén Díaz Raya e Jorge Serrano, paso firme, ollada longa.

Ferrol é merecente de todo. Tamén de encarreirar o chamado Camiño Inglés, que revitalizara o bibliotecario perpetuo (¿para cando ese título de “Fillo Predilecto”?) nedense, Manuel Pérez Grueiro. O único, que de todas as cidades e vilas do CI, Neda, Pontedeume, Ordes, Oroso (Sigüeiro), Santiago, Ferrol é o único non soamente sen albergue, senón sen pavillón ou instituto que acolla expedicións grandes como a que adoito encabezar (Colegio LOGOS, Las Rozas, Madrid).

Examine isto quen corresponda e sigamos a ser cidade ilustrada e hospitalaria. De maneira que no peirao de Curuxeiras hai un fito ou pedra que sinala o quilómetro cero do Camiño. E que por San Francisco, Real e Terra leva os nosos pé a esa praciña recoleta que preside o heroe de Motrico, Victoriano Sánchez Barcaíztegui: morto pola causa liberal fronte aos carlistas. E logo un percorrido polo Ferrol histórico, Constructora, Tercio Norte, mesmo o campo de Batallóns onde xa se xogaba ao fútbol en 1904. E Caranza, e o paseo marítimo, con parada na ermida de Santa María, onde a “praia dos curas” da miña nenez. E logo do Montón, pasado o túnel baixo da ponte d´As Pías, Narón á vista. Coa Gándara, tan pouco gándara (erma) agora, senón con ese polígono, prescindible para os peregríns, que se van dexando ir en paralelo coa enseada deica entrar –agora si– no campo de Narón. Non por moito tempo que axiña xorde o asfalto (por veces inevitable, outras, irémolo vendo, excesivo), en pendente para chegar a San Martiño do Couto. Quen desexe trampear pode cruzar pola ponte do tren (1913), mais cegado pola luz do ábside románico da igrexa do mosteiro. Pero o peregrín auténtico deberá seguir, pasando esa mistura zoolóxica (cochos, burricos, ocas, pericos, cabras, vaquiñas) que algún paisano benemérito fai medrar nestes eidos tan “civilizados”.


A non tardar chegará unha encrucillada que pode desembocar n´As Aceas (¿para cando esa rehabilitación deste muíño de marés, cada vez máis único?, ¿para cando a depuración da ría, especialmente porca neste recuncho, tan negativo –sobre todo– na baixamar?) ou no paseo marítimo que nos leva por ese terreo tan despexado, morreu hai tempo a “sielva” naronesa da que falaba o nativo de Neda ao mirala desde a outra banda, que remata na pasarela.


Cinco pontes (incluindo a estrada, a mellor, lástima fora, a do fondo, a que fora de madeira e o Padre Sarmiento chegara ver de madeira cos bechos totémicos dos Andrade) para mudar de banda (que non de intencións). E –por fin– o albergue de Neda, o IES Fernando Esquío (para meus conmilitóns e alumnos), o Hostal Maragoto, para min mesmo. E logo da merenda no periquito de Ancos, o lugar máis fermoso do mundo (e máis didáctico) a noite en Xuvia-Neda. E a paz.

De Ferrol a Neda (pasando por Narón)

Te puede interesar