Ferrol en marcha: dous activistas tomarán parte na camiñada internacional a Gaza

Xan Lopes e Inácio Martínez partirán o día 11 de xuño cara ao Cairo para participar nesta acción humanitaria
Ferrol en marcha: dous activistas tomarán parte na camiñada internacional a Gaza
Xan Lopes e Inácio Martínez no evento solidario do pasado sábado I Daniel Alexandre

“Creo que é momento de que a poboación sexa consciente de que isto vai moi en serio e que, se o permitimos, é o inicio da depreciación da vida a nivel mundial; isto pode pasar mañá en calquera lugar, porque hoxe son os neniños que están alí e mañá poden ser os nosos netos”. Así de contundente mostrábase hai uns días o activista ferrolán Xan Lopes quen, xunto co seu compañeiro Inácio Martínez, tomará parte nas vindeiras xornadas na “Marcha a Gaza”


Trátase dun movemento internacional con dous obxectivos primordiais: lograr o levantamento das restricións de axuda humanitaria na Franxa –activo dende o pasado 2 de marzo– e denunciar publicamente o bloqueo humano “exixindo a fin do xenocidio que Israel está a acometer”.

 

Máis de 2.000 persoas

Os impulsores desta iniciativa solidaria –trece persoas de diversos puntos do mundo, dende médicos até activistas– remarcan que se trata dunha acción “cívica, apolítica e independente”. Nela participarán máis de 2.000 persoas procedentes de 37 países. No caso de Lopes e Martínez, participarán xunto á delegación de Galicia-Portugal. Partirán en avión o vindeiro 11 de xuño rumbo ao Cairo. Dende alí, ao día seguinte, comezará unha marcha de tres días –a pé durante uns 50 kilómetros dende a cidade de Al-Arish– até chegar a Rafah, punto fronteirizo entre Gaza e Exipto. Alí permanecerán acampados, polo menos, outros dous días máis. “Aí hai 3.000 camións esperando a ser entregados. Presionaremos, sempre de maneira cívica, para que eses camións entren e que o reparto sexa feito por organismos das Nacións Unidas”, indica Xan Lopes.


Foi Inácio o primeiro en enterarse da iniciativa. “Vin un vídeo de Saif Abukeshek, un dos impulsores, un palestino afincado en Barcelona que forma parte da IAC (Intersindical Alternativa de Catalunya). Nel falaba de que se estaba a organizar esta marcha. Os seus obxectivos de chamar a atención a nivel mundial sobre o que está a acontecer parecéronme loables. Ao día seguinte, case ao momento, xa decidira que podía participar e falei co compañeiro Xan, que tamén estaba disposto a ir, e empezamos a mover todos os fíos”, explica Martínez. 

Palestina ferrol 3
Daniel Alexandre

Pola súa banda, Lopes apunta que os trámites para poder tomar parte nesta misión completáronos en apenas 20 días, facendo fincapé, ademais, en que se trata dun acto individual. “Tes que te presentar como persoa voluntaria e firmar un protocolo ético onde te comprometes a unha serie de cousas, entre elas, o principio de non violencia, aceptar as directrices destas trece persoas nas que depositamos a nosa confianza e unhas normas de convivencia”, expón. 


Os gastos desta viaxe corren por conta de cada un dos participantes. “Cada persoa ten que se financiar a súa viaxe ou buscar amigos que lle axuden a facelo. Nós coñecemos casos en Portugal que non tiñan medios pero que estaban dispostos a ir e fixéronse colectas. A comida, por exemplo, vánnola fornecer voluntarios exipcios, pero tamén a pagaremos”, asevera.

 

Medo

Ambos teñen claros os perigos que supón a participación nesta marcha. “Sei que hai riscos importantes. Primeiro, porque é unha marcha a pé de 50 kilómetros polo deserto; segundo, porque é unha zona militarizada e que está en guerra”, comenta Inácio Martínez, engadindo que “eu non penso neles para nada. Parece mentira, pero o que máis me preocupa é a comunicación”.

 

 

Pola súa banda, Lopes incide en que “somos conscientes de que poder haber algún tipo de agresión, porque estamos a falar de xente que está a cometer un xenocidio. Pero que ninguén pense en misións suicidas. Dígoo porque moita xente pode pensar que imos alí e que nos imos inmolar. Para nada. É un tema pacífico pero é evidente que algún risco conleva”.

 

Outros movementos

Esta "Marcha a Gaza" non é a única iniciativa a nivel mundial que pretende visibilizar a situación que están a vivir os palestinos e facer presión para que isto mude. Neste sentido, Inácio Martínez, alude á caravana terrestre Al-Soumoud. “Trátase dun convoi motorizado, de coches e buses, que pretende romper o asedio a Gaza. Parte de Túnez o día 9, con teoricamente miles de persoas participantes”.


Por outra banda, atópase tamén a coalición “Flotilla da Liberdade”, un barco con doce activistas a bordo entre os que se atopa a recoñecida Greta Thunberg. “Son persoas con moita trascendencia internacional polo que tamén é moi importante a súa participación”, comenta o ferrolán, que sinala tamén outra marcha “oculta e denostada” no propio Israel. Refírese, neste caso, á iniciativa Standing Together. “Trátase dun movemento apolítico de masas que une a israelitas de orixe palestino que quedaron dentro do país e os propios israelitas, todos eles contra o xenocidio”, explica.

 

Un paso máis

Participar nesta "Marcha a Gaza" supón moito para estes dous ferroláns. No caso persoal de Xan Lopes, sostén que mesmo se trata “dunha débeda histórica”. Neste sentido, lembra que nos anos 80 vivía en Compostela xunto á súa muller, Pim, e á súa pequena filla Fiodora. “Alí coincidimos cun grupo de palestinos e de outros países árabes. Nós eramos moi pobres e tiñamos mesmo dificultades para alimentarnos. Pois ben, sempre lle daban cousas á nena”, lembra.

 

 

Pola súa banda, Inácio engade que formar parte desta delegación internacional supón dar un paso máis. “Levo 20 meses co corazón nun puño: bombardeos en hospitais, nenos e familias destrozadas, destrución das casas e infraestruturas... Ver todo iso en imaxes en directo crea unha grande impotencia. Até o de agora sí que se facían cousas: levamos unhas 70 mobilizacións, actos de todo tipo, publicacións nas redes sociais para denunciar... Pero todo iso quedaba na miña contorna. Agora temos a oportunidade de facer algo máis. Vou sentir satisfación de poder ir até Rafah. Para min é un privilexio”, remarcou.

 

Despedida calorosa e solidaria

Entre os múltiples actos aos que se refire Inácio atópase, por exemplo, o celebrado o pasado sábado e ao que foron convidados os dous activistas ferroláns, para que compartiran cos presentes o súa futura viaxe.

Palestina ferrol 4
Daniel Alexandre

A plataforma Ferrol con Palestina e BDS Galiza organizaron o evento solidario “Voces con Palestina”, que combinou artes plásticas, danza, música e poesía. Os fondos recadados irán a parar a Gaza a través da International Child Welfare, unha asociación que traballa con menores en situación de guerra. 

 

Concentracións o día 16

A Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina anunciou nas últimas xornadas o seu apoio a "Marcha a Gaza" . Fíxoo durante unha rolda de prensa en Santiago de Compostela na que tomaron parte Inácio Martínez e Xan Lopes.


Na convocatoria exixiron ao goberno da Xunta “que vele pola seguridade das persoas que participan nesta marcha pacífica”, que tentarán informar a diario do seu estado así como das accións que leven a cabo.
Así, en apoio a esta proposta que partirá de Exipto do 12 ao 17 de xuño, convócanse concentracións en 36 vilas e cidades galegas para o día 16, co obxectivo de “denunciar unha vez máis o crime contra a humanidade que se perpetra diante dos ollos do mundo”.


Desde a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina indicen, ademais, en que todas as persoas participantes nesta Marcha a Gaza asinaron una carta ética de respecto, cortesía e compromiso con esta misión humanitaria. 

Ferrol en marcha: dous activistas tomarán parte na camiñada internacional a Gaza

Te puede interesar