A praza do Himno Galego, en pleno corazón do barrio de Esteiro, acolleu hoxe a celebración do acto institucional do Concello de Ferrol polo Día da Patria Galega. O bo tempo acompañou a realización do evento, que nesta ocasión resultou especialmente significativo ao estar adicadas as Letras Galegas deste 2025 ás cantareiras e á poesía popular, representadas onte polo Real Coro Toxos e Froles.
A cita contou cunha gran participación, con representantes de todos os grupos políticos, así como autoridades do tecido político e cultural da comarca de Ferrolterra, así como un nutrido grupo de veciños.
Así, a celebración arrancou precisamente cunha selección de pezas interpretadas pola histórica formación. Alexandre Rodríguez, membro da agrupación musical, foi o encargado de presentar cada un dos temas elixidos, concretamente o “Maneo de Limiñoa”, “unha peza característica da comarca de Bergantiños”; a “Muiñeira de Carcacía”, procedente da zona de Padrón; un arranxo para coro e cantareiras do “Pasodobre de Gargamala”, por parte de Manuel Amorós, director do Toxos e Froles; e, por último, a “Muiñeira de San Salvador”, da comarca de Santa Comba.
Unha vez rematou o segmento musical, tomou a palabra o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, que agradeceu aos presentes a súa asistencia, ao tempo que destacaba a importancia desta celebración e de coidar das tradicións e da cultura. “A de mañá é unha data que nos lembra a nosa identidade, as nosas raíces e todo o que nos une como galegos e galegas”, reivindicou o rexedor, incidindo en que esta celebración recorda que aquilo que nos une “aséntase na maneira en que vivimos e compartimos a nosa terra”.
“O Día de Galicia é un día de festa, pero tamén de reflexión” afirmou Rey Varela, insistindo en que “a nosa lingua, as nosas cancións e as nosas tradicións merecen ser celebradas e protexidas”. Neste senso, o alcalde fixo referencia ás Letras Galegas, afirmando que a comunidade “é a música das gaitas que nos emocionan e das cantareiras que manteñen vivas as melodías de sempre”, pero tamén a poesía e a arte “que nace da paisaxe e das emocións da nosa xente”. Así, o edil maior instou a todos os presentes a coidar dese legado e da terra que compartimos.
Tras finalizar a súa intervención, José Manuel Rey deu paso á tradicional ofrenda floral, primeiro por parte dos representantes da corporación municipal e despois por membros do grupo e autoridades varias, e, para finalizar, por parte dos veciños que asistiron ao acto. A celebración institucional, deste xeito, rematou coa interpretación do himno galego por parte dos integrantes do Real Coro Toxos e Froles.