viernes 20.09.2019

Ferrol, escenario de rodaxe do filme “El verano que vivimos” con Blanca Suárez e Javier Rey

O vindeiro luns comezarán as gravacións en varias localizacións da cidade naval
Parte do equipo da película
Parte do equipo da película

Os afamados actores Blanca Suárez e Javier Rey son os protagonistas de “El verano que vivimos”, unha película dirixida por Carlos Sedes (“Fariña”, “Velvet”) que incluirá a Ferrol entre as súas localizacións.

Os responsables do proxecto escolleron a cidade naval e os seus arredores como escenario de todas as gravacións que terán lugar na comunidade. A outra parte do filme desenvólvese en Andalucía, fundamentalmente en Jerez de la Frontera, onde a rodaxe comezou o pasado 5 de agosto.

Agora está previsto que o vindeiro luns os actores se despracen a Ferrol para continuar co traballo. De feito, un equipo de Bambú Producciones –promotora da película xunto a Atresmedia e Warner– atópase xa desde hai uns días na cidade para comezar a preparar tanto os interiores como os exteriores nos que se desenvolverán as escenas. Será en puntos do barrio da Magdalena, Caranza, Canido, Covas ou Esmelle, tal e como se informou desde o Concello ferrolán.

O alcalde, Ángel Mato, salientou o “impacto” positivo que un proxecto destas características pode ter para a cidade. Explicou ademais que o Concello vén colaborando con Bambú no “traballo previo” ao inicio da rodaxe, un apoio no que se implicaron varias concellerías.

Mato destacou así mesmo que en Canido “pintouse unha menina específica para que saia na película” e incidiu en que iniciativas como esta produción cinematográfican son “un camiño para intensificar a economía local”.

Argumento

A película trata sobre unha estudante de xornalismo que realiza as súas prácticas no diario dunha localidade costeira para rematar a carreira. No seu novo posto debe facerse cargo dos obituarios, o que acabará por poñela tras unha nova que a levará por diferentes idades na busca dunha historia de amor imposible protagonizada por un home que leva más de corenta anos escribíndolle a unha muller chamada Lucía.

Os actores Pablo Molinero, Carlos Cuevas, Guiomar Puerta e María Pedraza foman parte do elenco da película. l

Comentarios