Cun parque da Hortiña cheo, onte desenvolveuse a segunda xornada do Felicia Pop que como di o crítico musical Pepe Cunha é “un dos segredos mellor gardado dos festivais do país”. Trala inauguración do xoves na escola indiana da parroquia fenesa de Limodre, onte a aposta da asociación cultural Felicia volveu amosar que na variedade está o gusto.
Abriu Pava. O cuarteto liderado pola poeta Lucía Aldao presentou o seu pop independente con coidado polas letras. Ademais de temas dos seus tres traballos discográficos, presentou o seu último sinxelo “Oito palabras”. A continuación o quinteto Mega Purple Sex Toy Kit amosou a vixencia dos sons psicodélicos e progresivos dos anos 60 e 70 repasando o seu único LP, “Good Vibrators”, e facendo versión de Evolution, Small Faces e Pretty Things.
O momento agardado para moitos foi a actuación de Hey Hematoma, membros de Siniestro Total liderados por Miguel Costas que repasan un cancioneiro cheo de temas coreados con fervor polo público, desde “Me pica un huevo” a “Opera tu fimosis” ou “Miña terra galega” entre outras. O remate tivo aos zaragozanos Los Bengala que non quixeron ser menos que os seus predecesores cun rock poderoso e suorento.
A variedade de estilos musicais do Felicia Pop terá hoxe outra mostra. Na sesión vermú, ás 13.30 horas, estará a Familia Caamagno con entrada libre.
Xa a partir das 22.00 horas, abren os madrileños Cometa co seu indie anovador. Logo, desde os Países Baixos, debuta no Felicia Pop o trío de psicodelia Mooon para dar paso á gran aposta deste ano, o cuarteto neoiorquino The Optic Nerve, banda de culto desde finais dos anos 80 que resume o mellor do pop norteamericano desde Dylan a REM, con elementos de garaxe, folk rock ou sunshine pop.
A festa final estará a cargo da banda xienense Los Mejillones Tigre, animada mestura de ye-yé, psicodelia e cumbia. Para afondar na madrugada actuarán os picadiscos Pepe Kubrick, Jokin Mr.Klin e Ángel Snap.