Eva Loureiro Vilarelhe, escritora: “É un thriller pausado porque o protagonista é maior e imos a compás, aínda así cun ritmo áxil”

Esta escritora ferrolá vén de publicar “Huellas bajo el agua”, de novo cun fondo social, neste caso sobre as relacións interxeracionais, ademais de continuar lanzando versos no seu blog
Eva Loureiro Vilarelhe, escritora: “É un thriller pausado porque o protagonista é maior e imos a compás, aínda así cun ritmo áxil”
A escritora nun de tantos escenarios da súa cidade que utilizou para a primeira publicación coa súa editorial, Eolas Ediciones, “Los gatos no tienen casa” | DANIEL ALEXANDRE

Coa obra que vén de publicar a filóloga e escritora ferrolá Eva Loureiro Vilarelhe, “Historias bajo el agua”, a autora volve pór de manifesto a súa predilección por tratar temáticas sociais a través da novela. Neste caso, os intercambios interxeracionais que manteñen as personaxes reivindica a contraproducente tendencia ao idadismo.


Este mes presentou o texto na Central Librera da rúa Dolores, onde se pode conseguir un exemplar, do mesmo xeito que en calquera libraría de Ferrolterra. Neste encontro, ademais dun bo número de persoas maiores, que xa estaban avisadas de que se trataba dunha homenaxe a elas, destacou a involucración dunha rapaza: “Foi unha das que me contactou a través das redes e díxome: ‘encántame o libro, estou enganchadísima’. É algo que me alegra, saber que tamén hai xente nova que conecta coas cousas que escribo”, sinala a autora.


Eva Loureiro Vilarelhe sigue sorprendéndose, dende que comezou a súa carreira no 2016, de como vai aumentando o seu colectivo de seguidores. “Eu traballo para os leitores e leitoras, e que mostren o seu cariño en público é moi de agradecer”, conclúe.


“Huellas bajo el agua” nace da convicción de que “igual que nas sociedades antigas, as persoas máis sabias eran consideradas as persoas de maior idade, e considero que iso non cambiou”. O personaxe principal, “é un policía retirado que fai xusto 70 anos ao comezar o libro”, un traballo que retoma ao atoparse, por casualidade, cunha muller indixente que vive na rúa, con moitos menos anos ás costas, e que ten amnesia. Aínda que as persoas non gocen dun rendemento físico pleno, “como no caso do protagonista, Mateo Veloso, se a cabeza funciona son moi importantes para as novas xeracións”. 


E precisamente, isto é o que reivindica na súa última obra, tanto a través deste dúo como coa aparición dun policía novato. “Digo que é un thriller pausado porque o protagonista é un pouco maior e imos ao compás das súas vicisitudes, pero aínda así ten un ritmo áxil e polo que me contaron até agora os leitores, engancha”.

 

Máis obras

“Los gatos no tienen casa” (2021) foi o primeiro libro que publicou a través da mesma editorial coa que continuou para lanzar o exemplar deste ano, a leonesa Eolas Ediciones, xusto despois de rematar coa súa triloxía debut. Esta obra ambiéntase en Ferrol e trata sobre parte da poboación que moitas veces pasa desapercibida, como son os menores estranxeiros non acompañados.


Neste exemplo, aborda un sector social completamente distinto: a xuventude. “Para documentarme, tamén me entrevisto con xente de esas idades para saber como falan, como se expresan...”, relata Loureiro Vilarelhe. Aínda que sempre trata de redactar nunha linguaxe sinxela e accesible para calquera, neste caso quixo atender especialmente aos lectores estranxeiros que non dominaran tanto o español e puxo énfase nese detalle.


Non obstante, a publicación inmediatamente anterior foi “Rojo fuego” (2023), unha historia “sobre os motivos que levan ás mulleres a cometer adulterio”. Con esta temática, a autora trata de revalorizar algunhas personaxes habituais na historia da literatura, tal como exemplifica coas populares Ana Karenina ou Madame Bovary, dándolle a volta á trama más tradicional que as remata castigando a todas.

 

Blogueira


“Son galegofalante e escribo en galego, o que pasa é que en galego-portugués as publicacións son bastante restritas”, e por suposto, descártase para as editoriais como a súa, pertencentes a outras comunidades. Así, a escritora utiliza o seu blog “Gleaming Stars” para visibilizar a faceta de poeta na súa lingua: “É algo que me sae de dentro”, expresa. Con anterioridade, chegou a  conservar tres blogs, en galego, inglés e español, nos que divulgaba tanto poesías como relatos breves. Pero tanto traballo para unha soa levouna a restrinxir ao mínimo a súa presenza na rede e o considerou o máis esencial expoñer esa vertente súa.


“Para min, a raíña da literatura é a poesía, o que sucede é que está máis denostada: hoxe en día non se le tanta cantidade e as publicacións poéticas son moitísimo máis restritas”, concreta. Aínda así, sempre quedará o enxeño dos seus seguidores, que, como lembrou a propia autora, nalgún caso imprimiron os seus versos para firmalos. “De feito, hai xente que coñeceu a través dos blogs que tiña e raíz de aí saltou ás novelas que tiña publicadas, e me sigue dende aquela”, valora. 

Eva Loureiro Vilarelhe, escritora: “É un thriller pausado porque o protagonista é maior e imos a compás, aínda así cun ritmo áxil”

Te puede interesar