Enrique Mallón | “Estamos a pagar ata 25 euros máis o MWh ca os nosos competidores alemáns e franceses”

Enrique Mallón | “Estamos a pagar ata 25 euros máis o MWh ca os nosos competidores alemáns e franceses”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-dd9c6a1e

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, advirte da urxencia que ten a aprobación dun estatuto para a industria electrointensiva co obxectivo de facela competitiva nun sector no que o prezo da enerxía é vital. A formación dun Goberno con plenos poderes debería, polo tanto, acelerar a constitución dun novo marco que sexa, por riba de todo, estable. 

Asime leva meses advertindo da situación da industria electrointensiva e o Goberno anuncia un inminente estatuto que a regule. Como ten que ser esta norma? Que condicións debe incluír?

A clave do estatuto debe ser proporcionar á industria electrointensiva un subministro eléctrico competitivo, estable e predicible que nos permita competir. Para a industria electrointensiva, o custo enerxético chega nalgúns casos ata o 50% dos seus gastos produtivos e en España estase pagando entre 20 e 25 euros máis por MWh ca os nosos competidores franceses e alemáns. Isto fai que a industria española simplemente non poida competir. O estatuto debería contemplar unha menor volatilidade. É necesario que estas empresas poidan predicir os seus custos eléctricos a través, por exemplo, de contratos bilaterais viables e seguros que lles permitan a compravenda de enerxía a longo prazo rebaixando a factura e facéndoa máis predicible. Así mesmo, é preciso un maior orzamento para as axudas á compensación por emisións indirectas de CO2. Por último, sería preciso un maior desenvolvemento en materia de fiscalidade enerxética e a supresión das peaxes de acceso a redes. 

Cre que son necesarios os pagamentos por interrumpibilidade ou avogan máis por outro tipo de incentivos?

Os pagamentos por interrumpibilidade son una medida paliativa para compensar á industria polo alto custo da súa factura eléctrica, pero non é unha medida definitiva, e debemos traballar por accións transversais que dean maior estabilidade ao sistema eléctrico e que teñan un maior calado para resolver o problema a medio e longo prazo. De calquera xeito, mentres iso non ocorra, reducir eses pagamentos por interrumpibilidade como se ten feito nos últimos anos só agrava a situación agónica que sofre a industria electrointensiva.

Moita xente non se explica o elevado custo que ten a enerxía nun Estado como o español, con tanta potencialidade. A que se debe o encarecemento da enerxía, clave tamén para as grandes consumidoras?

A principal razón é a volatilidade do noso sistema eléctrico, que depende enormemente de condicionantes como as subastas, os custos por emisións indirectas de CO2 ou mesmo a climatoloxía. Nun país cos recursos enerxéticos que ten España, a penetración masiva de enerxías renovables deberá ser unha das claves para lograr un subministro máis competitivo, pero para iso son precisas tamén medidas como as que se están reclamando por parte da industria electrointensiva.

Como definiría o estado de saúde da industria metalúrxica galega?

Os datos de facturación, exportacións e creación de emprego que vén consolidando o sector do metal galego poñen de manifesto a boa saúde da que goza o sector. Nos últimos exercicios o metal galego superou os 13.000 millóns de euros en facturación e aumentou o emprego en máis dun 3%. Estamos a falar de actividades que representan o 21% do PIB galego. A pesar das dificultades que se poidan atravesar en momentos puntuais coma estes últimos meses con algunhas empresas do naval, o metal galego goza dunha boa saúde tal e como demostran, por exemplo, a automoción ou a aeronáutica. A nosa industria é competitiva, cada vez máis foco de interese comercial a nivel internacional, e á cabeza en innovación en moitas áreas. É por iso que é preciso que a administración central e tamén a autonómica aposten por este sector, do que depende en gran medida o noso éxito económico.

Enrique Mallón | “Estamos a pagar ata 25 euros máis o MWh ca os nosos competidores alemáns e franceses”

Te puede interesar