Encrucillada, Os da Porfía e Tanto nos ten, no Festival do Río Castro

Encrucillada, Os da Porfía e Tanto nos ten, no Festival do Río Castro
Imaxe correspondente á edición de 2019 do festival que este sábado regresa ao lugar da Bóla, en Naraío | emilio cortizas

Logo de dous anos de parón pola pandemia, volta a festa a Naraío. A AVV O Castelo ten xa todo preparado para a celebración, este sábado, da vixésimo sétima edición do Festival do Río Castro, que conta coa colaboración do Concello de San Sadurniño. O campo da Bóla, ao pé da ponte medieval da Ferraría, será o escenario dunha celebración que se prolongará durante todo o día.
 

Comezará ás 14.00 horas, cunha sesión vermú animada polos Feroces da Galgueira, grupo nacido nas Pontes aínda que del forma parte xente de toda a volta. “Nas gaitas altérnanse Marcos Freire, Sara López e Carolina Leal, mentres que as bases rítmicas son cousa do acordeón de Toni de Lamas e das percusións -pandeiretas, tambor e bombo- de Ana Vilaboy, Luis Pita e Miguel Ferreiro”, salientan os promotores do festival. Haberá tamén un entretido obradoiro de baile tradicional para achegar a todas as persoas interesadas as nocións básicas da danza galega. Desde a entidade organizadora animan ás persoas asistentes a levar o xantar á cita para gozar así da intensa xornada.
 

Tralo xantar, sobre as 15.30 horas, chegará a quenda dos xogos e outras actividades para pequenos e maiores da man de Os Picos do Sol, propostas todas elas coa igualdade e a concienciación ambiental como ingrediente común. O xa afamado pallaso Peter Punk chegará sobre ás 17.30 horas á festa para divertir ao público cos seus espectaculares números  de malabares e clown.
 

Chegarase así, arredor das 18.30 horas, a un dos momentos máis exitosos do festival. Trátase do campionato de xogos populares que, como é habitual, poñerá a proba a forza e a pericia “de quen quer sentar cátedra co tronzador, tirando á corda ou petando na chave, sempre formando equipos mixtos e paritarios”, indican desde a organización.
 

Concertos

Sobre as 22.30 horas darán comezo os concertos que este ano dan forma ao cartel do festival, protagonizado por Encrucillada –unha das formacións folk máis recentes da comarca formada por músicos con ampla traxectoria en diferentes agrupacións–, Os da Porfía –coa súa aposta de recuperación do tradicional cun aire novo no estético– e Tanto nos ten –que emprega no seu repertorio músicas e letras propias e do saber popular, retranqueiras, de escarnio e comprometidas co país–.
As persoas interesadas en acudir o sábado a Naraío poden atopar toda a información detallada do festival na web, onde tamén se sinalan os espazos destinados a estacionamentos, merendas e acampadas. 
 

O martes, a entidade actualizou o plano publicado en google maps e informou a través das redes sociais que este ano hai menos espazo dispoñible na outra banda do río para pasar o día. Nos accesos principais ao festival e aos lugares da Ferraría e Saldoiro non se poderá aparcar e os estacionamentos estarán concentrados todos no lugar da Pena, a dous minutos do festival.
 

O Concello de San Sadurniño colabora coa AVV O Castelo achegando material necesario para a a organización –valados, colectores, etc.– e botando tamén unha man na loxística. A entidade veciñal conta ademais co apoio da Cooperativa de Meirás e da Agrupación de persoas voluntarias de Protección Civil do Concello de Neda.
 

Logo de dúas edicións sen poder celebrar o festival por mor da pandemia, os organizadores amosan a súa ledicia por poder voltar a gozar dunha festa que segue mantendo a filosofía reivindicativa coa que naceu en en 1994, “a favor da cultura e o respecto polo ambiente” a través dunha xornada coa que tamén pretenden recuperar o espírito das romarías campestres de antano, “hoxe alagadas na lucería, os escenarios móbiles e os ritmos monocordes de alén do Atlántico”, din os organizadores na súa propia web.

Encrucillada, Os da Porfía e Tanto nos ten, no Festival do Río Castro

Te puede interesar