No retrato atópase a gusto José María Goiriz de Roque, un militar xubilado que nunca aparcou a súa afección pola fotografía desde que con dez anos, en 1962 en París, recibiu a súa primeira cámara, unha Kodak, agasallo do estaleiro no que traballaba o seu pai. “Eu ía moitas tardes co meu irmán intentando imitar as postais que se vendían da cidade”, lembra.
A fotografía, coas parénteses que forza a vida laboral e familiar, seguiu formando parte do día a día de Goiriz. Cando casou, un dos presentes foi precisamente outra cámara coa que, xa instalado en La Línea de la Concepción, pasou a integrarse na chamada AFAL, a Agrupación Fotográfica Artística Linense, coa que chegaría a acadar o recoñecemento en diferentes concursos, algún deles con máis de 600 imaxes participantes.
Coa súa instalación definitiva en Ferrol e a xubilación, Goiriz puido dedicarlle á fotografía máis tempo e foi así como xurdiu a primeira exposición, tamén retratos que, co título de “Xentes de aló e xentes de acó”, volveu dirixir o obxectivo –nese caso analóxico– cara as faccións e cun protagonismo claro do mundo árabe, polo que sente certa fascinación.
O autor está a preparar tamén unha nova mostra “de rúa”, pero, adianta, “sempre coas persoas como protagonistas”
Esa estética –o retrato da nai vestida de palestina– aparece tamén na mostra de Canido que se poderá visitar até o vindeiro 4 de febreiro. Canda esta imaxe, unha vintena longa máis de fotografías de familiares e coñecidos na inmensa maioría nas que Goiriz avoga por unha posta en escena que lle confire a cada traballo una forza extra. O tamaño da reprodución afonda nesa sensación.
A aposta de Goiriz polo retrato ten que ver coas posibilidades que ofrece. “Permíteme”, explica, “dirixir o traballo, intervir dalgunha maneira no resultado final. Se fixera outro tipo de fotografía, non podería participar tanto no proceso”. Esa intervención ten tamén unha segunda parte, xa no estudo diante do ordenador. “Son partidario de procesar as imaxes. Agora, a tecnoloxía permíteche facelo de moitas maneiras e, sobre todo, máis baratas”, destaca, “pero non hai que esquecer que o retoque é algo que xa se facía antes con outros métodos menos sofisticados e, sobre todo, máis caros”. Con todo, non hai Photoshop que poida competir coa esencia da fotografía de Goiriz, é dicir, coa forza das facianas.