Con esta presentación na biblioteca municipal de Ortigueira, hoxe luns ás 19.00 horas, complétase o compromiso de dar a coñecer a obra “Memorial e monumento ás vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal”, de Ton Blanco, polos catro concellos que colaboraron con este recoñecemento á memoria histórica. No acto faráse fincapé no especial vínculo con esta localidade, na que asasinaron a 13 persoas, tal e como relata o autor, e xa hai previsión de continuar a ruta por outros puntos afectados como Mugardos e Mañón.
“Ao respecto di Manolo Rivas que aínda que non houbo guerra en Ortigueira, o que si houbo foi unha represión salvaxe dos falanxistas, que en conxunto asasinaron, entre Ortigueira, Cedeira e Cerdido, a 70 persoas”, sinala Blanco Carballo, apuntando algúns nomes como o do mestre do concello no que se presentará o libro, Manuel Santeiro Boo, ao que mataron cando tiña 33 anos.
Este é un dos motivos polos que tiña que ser dado a coñecer neste municipio o libro, que tamén conta coa colaboración dos Concellos de Ferrol, Narón e Pontedeume, así como da Deputación e do Ateneo, en cuxa sede dispoñen do exemplar para calquera persoa que estea interesada.
Aínda que o percorrido institucional péchase con esta presentación, o autor remarcou o feito de que os actos terán continuidade, concretando os dous casos cos que xa están en contacto polo seu particular interese. Trátase de Mugardos e Mañón, onde entre outras vítimas están os seus respectivos alcaldes Juan Prieto Balsa e Jesús Castaño Galdo.
Este último foi fusilado no castelo de San Felipe, unhas instalacións sobre as que Ton Blanco aproveita para dar voz á reclamación de abrir o acceso ao muro onde se efectuaban estes asasinatos, que é o único espazo que non se pode visitar. “Consideramos que o Partido Popular, ao frente da alcaldía porque teñen maioría absoluta en Ferrol, perdeu unha ocasión única de avanzar”, expresa o investigador, en referencia ao último pleno, celebrado en abril, no que votou en contra da moción presentada, en nome do autor e o seu equipo, por Ferrol en Común e BNG.
A proposta non so incluía a apertura a esta parte da fortaleza, senón tamén a instalación de paneis didácticos que complementarían á primeira medida, explicando o terrible uso que se lle daba ao castelo e respondendo á súa vez á transparencia e aos principios democráticos.
“As escaleiras non se suben de golpe, súbense de peldaño en peldaño”, manifesta Ton Blanco, en relación tanto con esta reclamación como co seu propio cometido de difusión desta investigación. O libro achega unha información e perspectiva única por circunscribirse ao ámbito das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, onde houbo unha longa lista de represaliados polo franquismo, dende mariñeiros até académicos, que se converten en protagonistas deste froito do traballo colectivo.