A despedida de Mari ao frente dun dos últimos quioscos do centro de Ferrol

Dixo adeus estes días á súa clientela para xubilarse e xa a botan de menos
A despedida de Mari ao frente dun dos últimos quioscos do centro de Ferrol
Mari rexentou xa o quiosco noutra ubicación, a rúa Real | Emilio Cortizas

Mari é a propietaria do quiosco “Platas” e, tras 40 anos traballando, este domingo chega o día do peche do establecemento pola súa xubilación. Trátase dun negocio familiar, que comezaron os seus pais, e continuou a súa irmá ata a xubilación en 1985, ano no que Mari herdou a tenda ata este 2025.


Inicialmente, podiamos atopala da rúa Real, pero hai seis anos trasladouse á actual ubicación na rúa Coruña. Un dos aspectos que máis destaca da súa experiencia laboral durante catro décadas é a relación coa clientela. Afirma que houbo “clientes moi bos, constantes e fieis” que continuaron acudindo ao negocio tras o cambio de ubicación. 

 

A propietaria aprecia a cada un dos clientes que pasaron polo seu negocio. Xa sexa no día a día ou de xeito puntual, considera a cada un deles como ter acadado un mérito. Describe a súa relación cos compradores como “familiar” e apunta que a van botar moito de menos, xa que en ocasións adoptou un papel ata de “psicóloga”. 


Mentres conversamos con ela, varias clientas acuden ao quiosco e, ademais de comprar os típicos produtos que ten Mari nas súas estanterías, como xornais, revistas, cromos ou caramelos, recórdanlle o moito que van sentir a súa falta e amosan a vontade de conservar a relación cun: “xa quedaremos para tomar un café”. Conversa e bromea animadamente coa vendedora de lotería: “con todos os anos que levo aquí, e nunca houbo premio!”

 

Un negocio que sobrevive

 

A pesar de que co paso do tempo cada vez queden menos quioscos, o único cambio que identifica Mari a través dos anos foi a mudanza. Este cambio de localización supuxo un punto positivo, xa que ao tratarse dun local de maior tamaño, puido ampliar o catálogo e aumentar a variedade de produtos. Admite que as vendas non son as mesmas que nos inicios, pero sigue atendendo clientela a diario. 

 

De feito, nada ten que ver a frecuecia das vendas na actualidade co peche do kiosko, a única razón desta decisión é a súa xubilación. Ata os nenos tamén lamentan o peche e preguntan: “quen nos venderá agora  os cromos?

 

O traballo de cara ao público

 

Tras 40 anos traballando de cara ao público, Mari ten claro que “queda moito que aprender” nese ámbito. Ela diríxese a cada persoa que pasa pola súa tenda cun sorriso e con esa personalidade tan sociable que a caracteriza, sendo piares fundamentais para  mantén vivo o comercio.


Destaca tamén a importancia dun gran compromiso con este tipo de negocios, xa que requiren de moito tempo e traballo diario, e afirma que bastante xente bota as mans á cabeza “cando lles dis a que hora hai que entrar e a que hora hai que saír”.

 

Unha despedida agridoce

 

En xeral, Mari describe a súa experiencia como positiva. Foi moi feliz e admite que lle provoca certa pena e tristeza o peche da tenda. Os seus compradores máis habituais comparten este sentimento. Non so a botarán en falta a ela, senón que tamén notarán a ausencia da tenda en xeral, chegando algúns incluso a expresar o desexo de que permaneza o quiosco con outra persoa ao mando.


“Platas” pecha as súas portas para sempre, pero quedará no recordo de Mari así como da clientela máis fiel. Durante estes últimos días chegou a recibir agasallos especiais, como un diploma personalizado coas caras dalgunhas das súas clientas. 

A despedida de Mari ao frente dun dos últimos quioscos do centro de Ferrol

Te puede interesar