A lingua galega atopa estes días un espazo seguro no IES Concepción Arenal. Este é, polo menos, o obxectivo do desafío que, por segundo ano consecutivo e tralo éxito da primeira edición, desenvolve o instituto ferrolán. Un total de 274 estudantes de Bacharelato e ciclos formativos implícanse desta volta neste proxecto de innovación educativa no que se comprometen, durante dez días –desde o pasado martes e ata o vindeiro día 21– ao uso da lingua galega entre eles, a galeguizar as redes sociais e a estender o idioma propio de Galicia tamén ao ámbito familiar.
As persoas participantes forman unha comunidade de aprendizaxe que acepta, de xeito voluntario e responsable, “un novo acordo lingüístico que o converte nun axente activo a prol do galego”, indican desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, impulsores da iniciativa.
Ademais de levar unha pulseira identificativa, o alumnado inmerso no “desafío galego” adquire neste período de tempo o compromiso de empregar o galego todo o tempo entre os participantes, divulgar contidos en galego a través das redes sociais co cancelo #DesafíoGalego, ampliar o uso da lingua de xeito progresivo a máis ámbitos (familia, actividades extraescolares, amistades de fóra do centro...) e a entregar unha reflexión (de 300 palabras como mínimo) sobre a experiencia.
Nesta edición contan como padriño co youtuber Mario Brión, máis coñecido como “Olaxonmario”, que onte visitou o centro ferrolán para impartir un obradoiro sobre creación cultural e dixital contemporánea en galego denominado “Gallaecia Pop”.
Nel deu a coñecer as vantaxes e oportunidades que ofrece a creación dixital e cultural en lingua galega. Brión foi candidato aos Mestre Mateo 2023 na categoría de Mellor Comunicador e premiado no Certame Youtubeiras nos anos 2020 e 2021. Recibiu tamén o Premio Meendinho 2022 pola súa actividade de divulgación cultural galega na rede.
Os participantes na actividade de onte tiveron pois ocasión de achegarse á evolución da creación musical e audiovisual contemporánea en lingua galega así como aos novos medios e soportes que se ofrecen para a creación en galego e difusión do contido, así como diferentes certames.