Deputación e Concello de Neda cofinancian as obras do saneamento en Xerardo Luaces

Deputación e Concello de Neda cofinancian as obras do saneamento en Xerardo Luaces
Un momento da visita de Alvariño ao rastrillo das Amas de Casa | concello

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Neda, Ángel Alvariño, veñen de asinar o convenio polo que a institución provincial destinará 144.000 euros para cofinanciar o proxecto de renovación das redes de abastecemento e de saneamento na rúa Xerardo Luaces de Neda.
 

A actuación, que conta cun orzamento total de 180.000 euros, dos que a Deputación aportará o 80%, permitirá solucionar as avarías que se producen actualmente, de xeito reiterado, nas devanditas redes e que obrigan a cortar parcialmente a vía para a súa reparación.
 

A rúa en cuestión, que é de titularidade provincial e que vai desde a estrada AC-115 á DP-5503, ofrece servizo a unha importante cantidade de vivendas do municipio, desde A Muchiqueira, parte da Mourela Baixa, e tamén parte dos Castros e do Poulo.
 

Formoso destacou que a colaboración da Deputación permitirá a Neda dar solución a este antigo problema, renovando completamente a rede de saneamento e abastecemento de auga.
 

Pola súa banda, Alvariño recordou que o financiamento desta intervención na  rúa Xerardo Luaces outorga vía libre tamén para a licitación da actuación de renovación das redes de abastecemento e saneamento no Carreiro, contigua a esta. Neste caso, contarán cun investimento próximo aos 62.000 euros, e que o Concello nedense sufragará con cargo ao Plan Único, tamén da institución que preside Valentín González.

 

Solidariedade polo Nadal

Como cada ano por estas datas a Asociación de Amas de Casa de Neda organiza o seu tradicional Rastrillo Solidario no que venden pezas artesás feitas por elas. Nas últimas horas recibiron a visita do rexedor municipal, Ángel Alvariño, quen lles agradecía en primeira persoa o “magnífico labor que realizan as socias con esta e outras iniciativas de carácter social”. Tamén animaba á veciñanza a acudir ata a Casa da Palmeiras e colaborar cun proxecto que busca acadar fondos para repartir entre as familias con menos recursos da vila.

Deputación e Concello de Neda cofinancian as obras do saneamento en Xerardo Luaces

Te puede interesar