Unha curtametraxe de Peque Varela inaugura en Londres o día 20 o Galician Film Forum

Unha curtametraxe de Peque Varela inaugura en Londres o día 20 o Galician Film Forum
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-d15619d4

Desde os anos 70, nos que o ferrolán Fernando Pérez-Barreiro impulsara o Grupo de Traballo Galego de Londres –aínda activo nunha nova etapa–, a capital inglesa pasou a formar parte da paisaxe humana e intelectual da diáspora galega. Ás varias asociacións que nos últimos anos, de novo pulo migratorio, se crearon en Londres, a última tamén leva arrecendo ferrolán, o Galician Film Forum (GFF).

De feito será a cineasta ferrolá peque Varela, que hai anos que vive e traballa en Londres, unha das encargadas de estrear o próximo 20 de marzo en Londres as actividades desta asociación que trata de dar a coñecer o cinema galego na capital inglesa. Esta nova asociación proxectará na prestixiosa universidade King’s College London o traballo de animación “1977”, o cal recibiu 15 premios internacionais e estivo seleccionado en festivais de prestixio internacional coma o Sundance (Utah, EEUU) ou o ClermontFerrand Short Film Festival (Francia). Canda a cineasta ferrolá tamén se exhibirán dous traballos máis, do realizador Alfonso Zarauza (“Encallados”) e a curtametraxe do vigués Álvaro Gago “Curricán”. Tralas proxeccións haberá un coloquio e tanto Peque Varela como Gago estarán presentes na sala, mentres que Zarauza e varios dos actores do seu traballo entrarán no debate a través de videoconferencia.

Un dos ferroláns que forman parte desta aventura, o xornalista Duarte Romero, conta: “Esta iniciativa parte dun grupo de emigrantes interesados pola cultura galega que botamos en falta un espazo para ver cine galego. Moitas veces non é doado ver películas do país nin tan sequera pagando, así que decidimos crear o noso propio espazo. Ao mesmo tempo, tamén queremos facer un pouco de ponte entre os dous países e achegar a cultura galega á comunidade inglesa. Finalmente, tamén aspiramos a visibilizar os produtos audiovisuais feitos por creadores galegos que están na emigración”.

Iniciativa propia

Segundo os seus responsables, o GFF ten vocación de continuidade e de servir baixo tres eixos ao cine galego: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cine e a cultura galega en termos universais. O GFF conta coa colaboración do Departamento de Estudos Españois, Portugueses e Latinoamericanos do King’s College London e coa participación de Belén Vidal, profesora de Film Studies na mesma universidade. As persoas interesadas poden contactar coa entidade no Facebook (facebook.com/GalicianFilm), Twitter (twitter.com/GalicianFF) e no correo electrónico galicianfilmforum@gmail.com

Unha curtametraxe de Peque Varela inaugura en Londres o día 20 o Galician Film Forum

Te puede interesar