Dezasete centros educativos de Ferrol e comarca –estaban representados Narón, Fene e Neda– déronse cita no Auditorio Municipal nunha nova edición do Correlingua, no que, ademáis de disfrutar de música e actividades ao aire libre, coa caminata que se desenvolveu polo paseo marítimo de Caranza, deuse conta dun manifesto, elaborado pola propia Mocidade a través dos obradoiros “Desata a Lingua” e que foi lido pola actriz Isabel Risco, encargada de dirixir a gala, que contou, ademáis, coa proposta musical de Pauliña, unha artista que no seu momento resultou galadora doutro certame que ten á lingua como protagonista, o Cantalingua.
O manifesto, que se presentou baixo o lema “A mocidade activa por unha lingua viva” da conta por parte dos rapaces de que “somos unha mocidade comprometida e nas nosas máns están manter o galego vivo. Por iso queremos deixar claro que o galego resistirá grazas a ‘unha mocidade activa pola lingua’”.
Podemos vivir en galego, resaltaron os estudantes, que insistiron en que coñecer unha lingua “sempre nos fai mellores, porque o galego acolle a quen se achega a el e porque queremos poder ser na lingua que herdamos”.
Pola súa parte, a responsable das políticas educativas do Concello de Ferrol, a edila Patricia Cons, resaltou que “ver esta participación tan activa, tanto de alumnado como de profesorado, éncheme de esperanza”.
Lembrou tamén que a proposta é moito máis cunha carreira. “É unha celebración da nosa lingua, da nosa identidade e da forza que temos cando camiñamos xuntos e xuntas polo galego”, concluiu.