O concello de Ferrol acolle o fallo do Premio da Crítica literaria

O concello de Ferrol acolle o fallo do Premio da Crítica literaria
Membros da Asociación Española de Críticos Literarios co concelleiro de Cultura no inicio da ruta de Torrente Ballester | J. MEIS

A Asociación Española de Críticos Literarios falla este sábado o Premio da Crítica deste ano. E faino en Ferrol, como recoñecemento a Torrente Ballester con motivo do 25º aniversario do seu pasamento e como xesto co Concello, que está a lembralo cun programa especial. 


O xurado está en Ferrol desde o xoves e, aproveitando a súa estadía, principiaron onte o roteiro Torrente Ballester, que visita diferentes lugares vencellados de xeito especial ao autor ferrolán, ao tempo que serve como percorrido turístico pola cidade.


O fallo do Premio da Crítica terá lugar terá lugar ás 12.00 horas no Centro Torrente Ballester. Despois, os membros do xurado seguirán co roteiro nun bus que os achegará até Serantes, onde naceu e está enterrado Torrente, e ao monte de Chamorro, frecuentado polo escritor segundo relatan as súas obras. Ademais, farán un percorrido polas praias do concello. 


O paseo comezou onte pola mañá fronte ao edificio da Sede Afundación, que fora un centro educativo onde Torrente impartiu clase durante a guerra até 1944, lembrou José Antonio Ponte Far, concelleiro de Cultura. 
A seguinte parada foi o Casino, do que Ballester formou parte da directiva “durante a época que estivo en Ferrol, do 42 ao 47, como catedrático do instituto Concepción Arenal”, apunta Ponte. De feito, o autor relata nas súas novelas numerosas anécdotas “sacadas da realidade que viviu no Casino”, segundo indica o concelleiro, como é o caso da obra “La saga/fuga de J.B.”.


Despois, a agrupación desprazouse até o Jofre, onde Ponte leu un fragmento de “Dafne y ensueños”, onde di que alí pasou os momentos máis felices da súa vida. Asimesmo, o edil de Cultura subliñou que Torrente comezou escribindo seis pezas teatrais, antes de escribir a primeira novela. A continuación, a visita achegouse á praza de Amboage, que está vencellada ao autor porque estudou no Tirso de Molina. O último lugar que visitaron foron os Xardíns de Herrera, onde tomaron unha foto do que Torrente describira como “a paisaxe industrial máis bonita que vira en todo o mundo”, dixo Ponte

O concello de Ferrol acolle o fallo do Premio da Crítica literaria

Te puede interesar