Un estudo internacional que parte do laboratorio de polímeros funcionais do Citeni, con sede no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña, desvelou unha fase sólida en polímeros semicondutores utilizados en dispositivos fotovoltaicos de última xeración.
O traballo, titulado “Decoding the Structure of Benzodithiophene Polymers for High-Efficiency Organic Solar Cells”, foi publicado na prestixiosa revista Advanced Functional Materials e trátase dunha mesofase sólida intermedia entre a orde cristalina e a desorde amorfa.
Os resultados sentan as bases para deseñar polímeros máis estables, eficientes e lixeiros, aplicables non só no eido da enerxía solar, senón tamén na electrónica flexible e a bioelectrónica, un avance cara tecnoloxías máis limpas e sostibles.
Foron coautores desde o Citeni Matteo Sanviti, Xabier Rodríguez, Jesika Asatryan e Jaime Martín coa participación de investigadores de centros como a UPV/EHU, Polymat, o Donostia International Physics Center, o Centro de Física de Materiais, o Centro de Investigación en Química Biolóxica da USC o Alba Synchrotron, a Chalmers University of Technology (Suecia) e a North Carolina State University.