A plataforma Ferrol con Palestina. BDS (Boicot, Desinversiones y Sanciones) vén de publicar unha convocatoria para artistas da contorna que desexen colaborar coas súas creacións nun acto este sábado, de 20.00 a 22.00 horas. O escenario para este encontro será o espazo de Fiada, na estrada de Catabois 230, unha das entidades que xa mostraron o seu apoio á causa, que tratará de recadar fondos para familias palestinas e despedir a algúns voluntarios que partirán na marcha internacional a Gaza o día 15.
O proxecto teatral de Maquinarias Teatro tamén se fixo eco do chamamento, fixando o prazo límite para a resposta até o xoves. Os interesados poden poñerse en contacto enviando un whatsapp ao 665 024 469 ou 660 071 967.
Poderán participar na proposta artistas plásticos, aportando unha lámina tamaño A4, A5 ou A6, con temática de Palestina ou antibelicista, que será vendida o sábado.
Do mesmo xeito, convócase a persoas do mundo das artes escénicas e musicais, poetas e outros autores, para que realicen intervencións en directo de, como máximo, 5 minutos de duración. Neste último caso, as actuacións ofreceranse ao público con billeteira inversa, de maneira que cada quen achega a cantidade que estime convinte.