Esta é a segunda vez que Play Code Academy colabora co Campus Industrial de Ferrol para organizar o Campamento Tecnolóxico de Verán “Misión: Salvar a terra”, que se dirixe á rapazada entre 6 e 16 anos. O encontro proponse en dúas quendas: a primeira terá lugar entre o 23 e o 27 de xuño e a segunda, do 30 dese mes ao 4 de xullo.
O principal obxectivo desta proposta lúdico-formativa é posibilitar unha experiencia educativa na que os participantes, que deberán inscribirse previamente, descubrirán como a tecnoloxía pode servir para protexer o planeta. Algunhas das actividades que levarán a cabo os menores son a programación de drons para a reforestación, a construción de robots recicladores ou o deseño de estacións meteorolóxicas intelixentes.
Por medio destes retos, os participantes poñerán en práctica competencias que serán relevantes para o seu futuro, como son a programación, a ciencia ou a robótica. En relación a esta última disciplina, os rapaces e rapazas inscritos aprenderán a traballar con ferramentas innovadoras de LEGO, Arduino, Micro:Bit, Edison ou CoSpaces, ademais de utilizar drons, achegarse ao eido do deseño e da impresión 3D.
As dúas quendas destes obradoiros desenvolveranse en horario de 9.00 a 14.00 horas. Non obstante, os inscritos tamén terán a posibilidade de participar na modalidade “Madrugadores e Madrugadoras”, que terá lugar de 8.00 a 9.00, na que tamén se inclúe un servizo de comedor.
As persoas integrantes da comunidade universitaria poderán apuntarse no Campamento Tecnolóxico de Verán “Misión: Salvar a terra” por un prezo reducido de 109 euros, mentres que a tarifa para o público xeral ascende a 129 euros. En calquera caso, Play Code Academy tamén ofrece descontos para o segundo ou terceiro neno ou nena inscrito, sempre que pertenza á mesma unidade familiar.
Aqueles que desexen obter información adicional, poden realizar as súas consultas poñéndose en contacto coa organización a través do correo electrónico info@playcodeacademy.com ou do número de teléfono 633 232 386. A reserva de prazas formalízase mediante playcodeacademy.com/campus-tecnologico-udc-ferrol.