O Camiño Inglés bateu novos récords en abril empurrado polo período de vacacións

O Camiño Inglés bateu novos récords en abril empurrado polo período de vacacións
Ringleira de peregrinos, esta semana, ao seu paso por Caranza I Jorge Meis

O seguemento das cifras de peregrinos no Camiño Inglés nos últimos meses é unha historia de cifras que non paran de subir, de récord tras récord. Non semella que o feito de deixar de ser Ano Santo teña influído no interese que o itinerario esperta entre a poboación, que coa chegada da primavera botouse a andar con paixón. Os números do pasado mes, recollidos pola Oficina do Peregrino en Santiago de Compostela, coinciden coas vacacións de Semana Santa, o que supón un extra. Aínda así, son cifras que superan amplamente as do ano anterior, nas que tamén se incluían eses días de asueto.


Así, durante o pasado mes, houbo 2.125 persoas que comezaron a ruta desde a cidade de Ferrol (2.229 en total, contando as saídas desde A Coruña –83–, Irlanda –7–, Neda –3–, Reino Unido –2–, resto de Europa –3– e Ortigueira –1–). O ano pasado esa cifra foi inferior aos dous milleiros, contabilizándose 1.682 peregrinos que empezaron a andar en Curuxeiras, nun mes que contaba tamén cunha semana dedicada ás viaxes a ao turismo. É un aumento dun 26%.


O que levamos de maio ten tamén cara de mellorar ou cando menos igualar as cifras do ano pasado. Polo de agora, e aínda sen chegar a mediados de mes, contabilízanse 817 peregrinos desde Ferrol, cando en 2022, nos 31 días, houbo 2.288. 


Este fluxo de camiñantes percíbese nas rúas e nos camiños a calquera hora do día. É habitual ver ringleiras de persoas, en pequenos grupos ou en parellas, que atravesan os municipios da comarca e que pernoctan nos albergues públicos como os de Neda ou os de Pontedeume. Tamén pasan a noite en hostais e pensións que se adaptaron ou se crearon para adaptarse a este tránsito.


En total, no que vai de ano, e contando tamén os datos que hai dispoñibles do mes de maio, houbo 3.697 camiñantes que arrancaron en Ferrol o seu periplo. No Camiño Inglés, en total, súmanse cerca de 4.000 (3.988).

 

 

Procedencia


A maioría dos peregrinos do Camiño Inglés que fixeron o itinerario no mes de abril procedían de España (sobre todo de Galicia, Madrid, Andalucía e Comunidade Valenciana), seguido de Italia e de Alemaña (houbo 764 de procedencia española, 116 italianos e 107 alemáns). 


No cómputo total, o Camiño Inglés é o cuarto que máis se empregou o mes pasado, por detrás do Francés, que sempre encabeza este ránking, do Portugués e do Portugués pola costa. Empregárono un 5,5% de todos os peregrinos que chegaron ata a praza do Obradoiro. A cidade foi o quinto punto de partida preferido, por detrás de Sarria, Oporto, Tui e Valença do Miño.

 

 

Correos reparte guías ornitolóxicas da ruta xacobea
 

Correos comeza a distribuír entre os peregrinos unha guía de aves do Camiño de Santiago. Trátase dunha publicación ilustrada que inclúe as especies máis características presentes ao longo da ruta. Pódese conseguir nas principais oficinas presentes nos diferentes itinerarios. No caso do Camiño Inglés, estará dispoñible en Ferrol. Con esta publicación, con texto e ilustracións de Nacho Munilla, enmarcada dentro da iniciativa #Caminosostenible de Responsabilidade Social de Correos, conmemórase o Día Internacional das Aves Migratorias, que se celebrou o 13 de maio. 

O Camiño Inglés bateu novos récords en abril empurrado polo período de vacacións

Te puede interesar