O BNG reclama no Parlamento a recuperación da educación de adultos para o Concepción Arenal

O BNG reclama no Parlamento a recuperación da educación de adultos para o Concepción Arenal
Un momento da reunión celebrada onte entre os representantes do BNG e do instituto ferrolán | jorge meis

O Bloque Nacionalista Galego reclamará a vindeira semana no Parlamento Galego a recuperación por parte do IES Concepción Arenal de Ferrol da oferta de Educación Secundaria para Adultos (ESA) suprimida este curso no centro pola Consellería de Educación. A comisión de ensino debatirá así, o xoves 27, a problemática xurdida a raíz da eliminación da oferta da ESA cando xa estaba iniciado o actual curso académico. Como se lembrará, a finais do pasado setembro, a administración educativa requeriu o traslado dos expedientes do alumnado matriculado nas devanditas ensinanzas (preto de vinte persoas) á Epapu de Caranza.

A medida, rexeitada desde o comezo pola comunidade educativa do instituto ferrolán, motivou xa entón diferentes accións de protesta para esixir a recuperación do coñecido como “nocturno”, que se impartía en horario de 18 a 22 horas co obxectivo de facilitar a asistencia do alumnado.

Os parlamentarios do BNG Manu Lourenzo e Mon Fernández, e a responsable comarcal Mercedes Tobío, desprazáronse onte ao instituto ferrolán para manter unha reunión coa dirección e cunha representación da ANPA. “O que está a padecer a comunidade educativa do IES Concepción Arenal non son senón as consecuencias do desmantelamento do ensino público que o Partido Popular está a levar adiante en todo o país. Na última década o PP suprimiu máis 2.500 profesores no ensino público ao tempo que bate o record de desvío de fondos públicos ao ensino privado. O PP volve cebarse cos servizos públicos de Ferrol e terán ao BNG en fronte”, sinalou onte Lourenzo, portavoz de Educación do BNG no Parlamento..

Desde o instituto amosaron unha decidida vontade a seguir pelexando pola recuperación da oferta de ensino a pesar do desprezo recibido ata o de agora polas autoridades educativas. Amosaron tamén a súa vontade de achegarse o vindeiro xoves ao Parlamento para presenciar o debate que vai ter lugar no marco da devandita comisión. 

O BNG reclama no Parlamento a recuperación da educación de adultos para o Concepción Arenal

Te puede interesar