A asociación Artábria sofre a cancelación do último concerto antes de aprobarse a ordenanza de ruídos en Ferrol

Dende a entidade destacan o apoio recibido e que en 27 anos de traxectoria esta é a primeira vez que ocorre
A asociación Artábria sofre a cancelación do último concerto antes de aprobarse a ordenanza de ruídos en Ferrol
Unha das últimas actuacións musicais no centro social, neste caso de Fran Zelop | Jorge Meis

No programa cultural que propón a asociación Artábria mensualmente non figuran concertos no seu centro social en todo xuño, un oco que se cubriu coa reivindicación dunha ordenanza de ruído que estea ao servizo da cidadanía. O cartel saíu despois dun comunicado de urxencia no que a entidade informaba da cancelación das actuacións do pasado sábado, antes de comezar, dos grupos Satenta e Kase7e.


Acababa de rematar a proba de son, arredor das 20.30 horas, cando “entraron dous policías locais e dixeron que había unha denuncia por ruído e que o concerto non se podía facer”, relata un dos responsables da asociación, Bruno Lopes, sinalando que á compañeira encargada tamén se lle avisou de que no caso de seguir adiante, “posiblemente nos chegaría unha multa”.


Este feito “estrañounos moitísimo” porque “en 27 anos, tanto primeiro no barrio da Magdalena como despois en Batallóns, que levamos dende o 2005, nunca vimos un episodio así”, e, de feito, “era a primeira vez que entraban no local”, resalta Lopes, dando conta da boa convivencia coa veciñanza, que abrangue a usuarios do local e socios.

 

 

Dende ese ano no que se trasladaron ao barrio de Esteiro, Artábria continúa coa mesma licenza, “de servizos culturais e sala de exposicións”, e vén ofrecendo unha programación constante na que a música supoñía unha parte importante. Ademais, dende a entidade comunican que o Concello ten constancia dos seus eventos, non só porque son públicos e se informa rigorosamente aos medios, senón porque “as facturas de moitos deses concertos serven para xustificar cando hai subsidios de Cultura”.


A decisión de cancelar os concertos, ante a posibilidade de multa, foi comprendida polos grupos, que atraeron a público de concellos máis próximos como Pontedeume e outros menos como Melide ou Caldas. Por fortuna, neste caso a cita era de balde, aínda que a asociación pagou o acordado igualmente ás bandas, que debían cubrir custos como os desprazamentos ou o aloxamento que tiñan reservado.


Consciente de que a ordenanza de ruídos aínda non está aprobada, pendente do período de exposición pública, dende a asociación manifestan o desconcerto porque “de maneira preventiva xa se están encargando de aplicala”. Do mesmo xeito, coñecen o caso doutros locais que foron advertidos e expresan que “cremos que si que ten que haber unha normativa, pero sentándose a falar cos diferentes axentes”, incluíndo ao eido cultural e da hostalaría que programe citas musicais, para así regular a convivencia entre a veciñanza e ditos espazos.

 

 

Bruno Lopes tamén advertiu do alarmante de misturar incidentes violentos como os da pasada fin de semana en San Xoán e a normativa de ruído, que desencadean nunha “criminalización” de programas que nada teñen que ver. Así mesmo, pregúntase “que vai pasar, por exemplo, en barrios como Canido, onde hai unha actividade cultural ampla e variada”, xa que “se aplican a ordenanza ao 100%, acábase todo”.


Resposta 


“Queremos agradecer todo o apoio que chegou”, continúa o responsable, destacando a gran cantidade de xente que, tanto a nivel individual como do tecido asociativo ou empresarial, se puxeron en contacto para ofrecer os seus servizos ao coñecer a nova. 

 

Amais da redifusión do comunicado de Artábria, outras entidades emitiron o seu propio, como o Ateneo Ferrolán e Fuco Buxán, explicitando o seu soporte. Neste contexto, no que conflúen intereses de axentes de diversos, dende o centro social comunican a idea de presentar alegacións de maneira colectiva no período de 30 días que se habilita coa publicación no BOP. 

 

Os grupos políticos  de Ferrol en común e BNG pronúncianse      

 

Ferrol en Común denuncia que a cidade sufriu un ataque á cultura musical esta fin de semana coa cancelación dos concertos en Artábria e as queixas das que teñen coñecemento por parte de negocios de hostalaría. 

 

Así mesmo, dan conta do feito de que no centro social non se efectuou ningunha medición de decibelios, o mesmo que confirman dende a asociación, e que o seu partido foi o único en votar en contra da ordenanza no pleno do xoves porque “o borrador non articula de maneira óptima as diferentes casuísticas e aplicacións”. 

 

Pola súa banda, o BNG local tamén mostrou o seu apoio á cancelación do sábado en Esteiro, “que ademais contaba con subvención municipal”, e considera que o goberno “debe presentar unha proposta dialogada co tecido veciñal e social de Ferrol”.

A asociación Artábria sofre a cancelación do último concerto antes de aprobarse a ordenanza de ruídos en Ferrol

Te puede interesar