Arrecifes de premio no Campus de Ferrol

Arrecifes de premio no Campus de Ferrol
Investigadores implicados no proxecto de investigación ferrolán

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de conceder unha mención honorífica, no marco do Premio de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022, ao proxecto desenvolvido no Campus Industrial de Ferrol centrado na aplicación dos residuos da depuración de bivalbos en Galicia para a recuperación dos ecosistemas mariños mediante a creación de arrecifes artificiais sustentables.


Trátase dun proxecto multidisciplinar coordinado por Luis Carral, da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, que contou coa colaboración doutros dezaséis investigadores. “A recuperación dos ecosistemas mariños das rías mediante o emprego de arrecifes artificiais representa unha oportunidade prometedora para un dos principais piares socioeconómicos de Galicia. Por outro lado, a nosa comunidade ten unha importante produción de moluscos bivalvos, cuxo proceso de depuración xera residuos previos debido á mortalidade de individuos durante o transporte e almacenamento, así como nas fases propias de eliminación e separación de contaminantes”, explica Carral.


Propoñen así a conversión destes residuos (cunchas, principalmente de ostras, polo seu elevado contido en calcita) en materias primas para produción de arrecifes artificiais verdes. O obxectivo destes pasará por mitigar a degradación dos ecosistemas costeiros, coa finalidade de incrementar a súa produción de xeito sustentable, adaptándose ademais o seu deseño á realidade e ás características particulares de cada ría.


Interese común

En palabras do propio Carral, o recoñecemento da RAGC é moi importante para o equipo responsable deste proxecto. “Queremos transmitir á sociedade o que facemos porque é de interese común. En Galicia, moita xente vive das rías, e este proxecto vai axudar ao seu mantemento”, apunta.


O seguinte paso do programa, no que o persoal implicado segue a traballar de cara ao seu continuo perfeccionamento, será a instalación dos devanditos arrecifes artificiais nos fondos areosos das rías de Ares e Betanzos, obxectivo que avanza por bo camiño, asegurou o profesor do campus ferrolán. “Un dos hitos ao que aspiramos agora é que se realice a instalación”, incide.


A proposta deste equipo de docentes constitúe unha clara aposta polo desenvolvemento sostible, creando un elemento que sexa capaz de integrarse no ecosistema costeiro para contribuír á recuperación da fauna e flora das rías. 

Arrecifes de premio no Campus de Ferrol

Te puede interesar